Cada vez que España gaña un partido en Suráfrica, o mundo do libro encaixa un gol en Vigo. Non é a teoría do caos nin unha revisión do popular efecto bolboreta; é unha faena para os escritores que van quedar sen facer promoción na Feira do Libro ante a perspectiva, pouco gorentosa, de ter que facelo mentres a escasos metros os seareiros da selección española animan os seus diante dunha pantalla xigante. A Praza de Compostela é grande pero non tanto, e para evitarlle semellante calvario a Suso de Toro, Xerais decidiu cancelar a presentación de Sete palabras prevista para o sábado á mesma hora que o partido contra Paraguai. Non ía ser a última cancelación.
Cando Villa marcou o sábado o único gol da selección española fronte ao cadro guaraní, o que lle valía o pase a semifinais, Marcos Calveiro tirou a toalla e lanzou unha mensaxe a través de Twitter: “Marcos Calveiro, 0 - La roja, 1. O mércores non presentarei o meu libro na feira do libro grazas ao Concello de Vigo. Fútbol si, cultura non”. Gol de España, literatura en fóra de xogo.
Calveiro debía presentar na alameda O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo 2009, acompañado polo ilustrador Ramón Trigo e o editor Manuel Bragado. O acto estaba convocado para as oito e media da tarde do mércores, pero á mesma hora os de Vicente del Bosque xóganse o pase á final contra o once xermano que humillou a Arxentina en cuartos. Parece difícil competir en decibelios cos seareiros que se citen na Alameda para seguir o partido na pantalla instalada polo Concello de Vigo e Caixanova.
“É de coña”, explica agora o escritor. “Este Concello ten sensibilidade para os avións, os cabalos e os partidos de fútbol, pero non para a literatura galega. Xa non me sorprenden estas cousas, así que presentarei o meu libro na Feira do Libro da Coruña, que é unha cousa seria. Alí teñen unha Concellaría de Cultura como dios manda, non hai máis que ver o que fixeron con Achegarte o ano pasado”.
Ao director de Xerais tampouco lle fixo demasiado chiste. O título da anotación no seu blog (bretemas.blogaliza.org) é abondo elocuente: “A pantalla xigante magoa a Feira do Libro de Vigo”. A Manuel Bragado non só lle preocupa ter que suspender os actos previstos pola súa editorial, senón a “falta absoluta de respecto e sensibilidade para a cultura do libro e a lectura” que demostran as institucións ao instalar a pantalla xigante no “xardín histórico” no que a Feira do Libro se celebra dende hai 36 anos.
“Son ganas de crear polémica onde non a hai”, engade Xurxo Patiño, responsábel de Librouro, director técnico da feira e presidente da Federación de Libreiros de Galicia. “O fútbol e a cultura son compatíbeis, pero non no mesmo espazo e ao mesmo tempo. As actividades da feira estaban organizadas moito antes de que decidisen instalar esta pantalla. Habendo espazos como a Praza do Rei e ou a Praza da Estrela, non vexo a necesidade de prexudicar a feira escollendo a alameda, que ademais é un sitio delicado”.
Marcos Calveiro, en calquera caso, non ha ser o último damnificado pola coincidencia. Gañe ou perda o mércores contra Alemaña, a selección española terá outro partido antes de que se recollan as vinte e tres casetas da feira. Se vence ao once xermano, xogará a final o domingo ás oito e media da tarde, cando se supón que Lois Pérez Leira e Elba Torres deberían estar presentando Mulleres da emigración e 20 mujeres y una leyenda respectivamente. Se perde, xogarase o terceiro posto o sábado á mesma hora á que Edicións do Cumio ten previsto presentar Zampadanzas, do colectivos de baile portugués Pédechumbo. Pase o que pase en Suráfrica, o libro perde en Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario