En Galicia Hoxe:
Lois Peña Novo en 1920, o ano en que foi elixido concelleiro |
A concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, Ermitas Valencia, presentou onte a homenaxe a Lois Peña Novo organizada polo seu departamento en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que terá lugar os días 7 e 8 de xullo.
O día 7 ás 18.00 horas, colocarase na rúa Lois Peña Novo unha placa para lembrar que se cumpren 90 anos desde que o primeiro membro do nacionalismo galego ocupou un cargo público, ao ser elixido concelleiro no concello da Coruña. Ademais, o día 8, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebrarase ás 20.00 horas unha conferencia sobre Lois Peña Novo a cargo do profesor e escritor, Manuel Roca Cendán.
Ermitas Valencia destacou o onte papel de Peña Novo na defensa da lingua galega sendo un dos integrantes das Irmandades da Fala que máis defendera a necesidade da intervención política dos nacionalistas. O 7 de xullo de 1920, Lois Peña Novo tomou posesión da súa acta como concelleiro no Concello da Coruña, data que xa naquel momento os membros das Irmandades consideraban histórica por levar por primeira vez a lingua galega a un salón de plenos. Con esta homenaxe a Concellaría de Normalización Lingüística pretende estender o acto a todos os homes e mulleres que desde A Coruña traballaron por unha Galiza máis xusta, dignificando a nosa lingua e procurando levala a todos os eidos. "Lois Peña Novo foi un deses bos e xenerosos que A Coruña tivo a honra de acoller facendo así do Concello da Coruña o primeiro en Galiza no que se utilizou a lingua galega no seu salón de plenos", dixo Valencia.
A Concellaría de Normalización Lingüística editou un folleto no que se recolle a historia de Lois Peña Novo e reprodúcense documentos inéditos como unha fotografía durante unha homenaxe a Castelao organizada polas Irmandades da Fala o 19 de xuño de 1932 en Lugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario