10 de xul. de 2010

Lois Pereiro II

Dores Tembrás no seu blogue:

Aínda rematei onte de mirar as referencias en Poesía última de amor e enfermidade, de Pereiro. Non me resisto a anotar algúns apuntamentos:

Entre tódolos referentes, 5 premios Nobel. Dun xeito ou outro hai conexións interesantísimas entre eles. Rayuela dentro da rayuela. Finalmente son dous directores de cine (e non un como apuntara no post anterior): David Lean e Rohmer. Fondo calado de referentes alemáns.

E un novo descubrimento: J. M. Fonollosa, poeta da posguerra, cun traballo inédito prácticamente ao longo de 40 anos. E aquí, esta lectora, completamente rendida ante Pereiro, porque as citas non son só perfectas réplicas, ou pés para os seus poemas (descubro na entrevista do Diario cultural que foron incluidas despois dos textos) senón que van máis alá. Aquí unha das grandezas do poeta monfortino: a cita que recupera de Fonollosa pertence a un poema que se atopou na casa deste último cando faleceu, xunto a varios borradores de poemas e un bosquexo de testamento manuscrito. Daquela todo cobra un significado SUPERIOR, a conciencia de cada cita na obra de Pereiro trascendendo ao autor, á obra mesma. Caleidoscopio.

Salto de casiña a unha reportaxe que publicou El País no 2007 con declaracións dalgúns dos seus compañeiros de “xeración poética”. Nela atopo expresións coas que concordo totalmente como “nieblas centroeuropeas” ou a imaxe de poema como “bisturí”. E de aí vou ó que coido será un apaixoante documental, aínda en proceso, que están a realizar Alexandre Cancelo e Iago Martínez (o mesmo que lle fixo, hai moi pouco, unha interesantísima entrevista a Carlos Oroza, pero esta é outra rayuela á que, se cadra, me adicarei no futuro). Os videos que atopei deste proxecto aproximándome a outro Pereiro. Imprescindíbel. Quédome coa metodoloxía dos dous directores e guionistas do filme, que intúo tan honesta coa poética do monfortino, e que é perfecta como remate do post: “Traballar cun guión pechado, pero coa firme vocación de rebentalo”.





Ningún comentario:

Publicar un comentario