7 de xul. de 2010

Méndez Ferrín prefire que os políticos falen en galego aínda que sexa "mal"

Nova en Galicia Hoxe:

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, asegurou este mércores que prefire que os políticos falen en galego, aínda que sexa "mal", e expresou a súa "dor" polo feito de que a Igrexa católica non utilice a lingua propia de Galicia.

"Eu prefiro que se fale mal que que non se fale nada", resolveu, preguntado sobre o nivel do galego oral dos deputados tras unha reunión coa presidenta do Parlamento autonómico, Pilar Rojo. "Hai persoas que o falan mellor que outros e o que hai que facer é procurar falalo cada vez mellor", subliñou.

En todo caso, o presidente da RAG incidiu en que "prefire" ver os axentes sociais de Galicia falando galego, aínda que sexa "mal", que ver que o clero católico non fai uso deste idioma. "Iso doe, a min polo menos, aínda que non son relixioso", concluíu.

Por outra banda, preguntado sobre que pode facer a Cámara autonómica a favor do galego, Ferrín recordou que "unha das súas obrigacións é lexislar" para protexer unha lingua "minorizada e marxinada" fronte a outra "imposta durante séculos". Nesta liña de promover leis que incidan sobre esta situación, advertiu de que a Lei de Normalización Lingística "debe ser a nai de todas as medidas que se tomen".

Finalmente, sobre a reunión que mantivo coa xefa do Lexislativo, explicou que unicamente foi "unha visita de cortesía" á segunda autoridade política de Galicia. "Tiñamos que presentarlle os nosos respectos como institución", sinalou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario