Era previsíbel. A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya ía ter consecuencias na vida política galega. Porén, teño que recoñecer que non agardaba o modelo de resposta practicado polo actual presidente da Xunta. Resultou sorprendente escoitar –o primeiro día- que a reforma do Estatuto galego debía ficar no conxelador de Montepío porque non era compatíbel semellante proceso de discusión e negociación co mantemento da atención gobernamental á evolución da crise económica e pouco despois ler as contundentes palabras de Núñez Feijoó sobre a impertinencia de solemnizar a definición de Galiza como nación no limiar do futuro texto estatutario.
¿En que se fundamenta esa pretendida disociación entre a elaboración dun novo Estatuto e o combate contra os efectos do devalo económico? Se o motivo alegado fose o suposto desinterese do corpo social diante da devandita reforma habería que aportar, como mínimo, un estudo demoscópico demostrativo de tal hipótese e ter presente, en todo caso, o punto de partida do referendo de 1980, onde só votou afirmativamente un 20% do total do censo electoral daquel momento. Se as razóns da incompatibilidade radicasen na incapacidade para afrontar, simultaneamente, dúas tarefas políticas de grande complexidade teriamos que constatar a carencia das virtualidades xestoras que adornan a biografía oficial de Alberto Núñez Feijóo.
Hipotecar a mudanza da lei básica da autonomía galega á consecución dun cambio de ciclo na dinámica económica é un despropósito. En primeiro lugar porque iso significaría asumir un intolerábel horizonte temporal de varias lexislaturas agardando por un escenario que non suscita o prognóstico optimista de case ningún especialista. Pero é que, ademais, pensar que a mellora na calidade do autogoberno resulta indiferente ou neutra a respeito das políticas contra a crise é unha incongruencia só comprensíbel en quen non acredita na importancia de posuír maiores competencias propias nos ámbitos económico, fiscal e financeiro.
A condición necesaria para que poda existir, nun prazo relativamente curto, un novo Estatuto galego apoiado polas tres forzas políticas parlamentarias pasa por un sumatorio de tres circunstancias decisivas: a vontade práctica do PPdeG para asumir o nivel de autogoberno que debuxa a sentenza do TC; o rexeitamento do PSdeG a un hipotético pacto excluínte co partido maioritario e a efectiva dispoñibilidade do BNG a un acordo de mínimos edificado sobre os “máximos” establecidos na sentenza. Cada quen deberá asumir as responsabilidades derivadas da súa representatividade social. O nacionalismo político non é aritmeticamente necesario pero sería unha grave irresponsabilidade histórica marxinar unha corrente de tanta entidade e significación. A pelota está, sobre todo, no tellado do partido de Núñez Feijóo. Agora saberemos, definitivamente, se posúe algún tipo de vida propia ou ten todas as terminais nerviosas conectadas aos despachos da rúa Genova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario