15 de xul. de 2010

Nen asegundar nen secundar

Pilar García Negro no Xornal:

“histórica”, “épica”, “inaugural”, “merecida vitoria”, “revolucionaria”, “apoteósica”, “un antes e un despois”… Non, non estou a falar do que talvez imaxinan, por saturación destes adxectivos e expresións no bombardeo político-mediático con que se nos agasalla inmisericordemente estes días após a vitoria da selección española no Mundial de fútbol. Falo, hoxe, 15 de xullo, de Rosalía de Castro, na data en que se cumpren 125 anos do seu falecemento. Todos os hiperbólicos cualificativos que se empregan para celebraren os seis centos millóns de euros, perdón!, o triunfo do fútbol españolísimo son aplicábeis, sen hipérbole, á nosa escritora. Só que a súa épica dinamitou as bases da tradicional e tradicionalista, dedicada a enaltecer un heroi semidivino, superior á masa, masculino, por suposto, e redentor-guía das xentes. Rosalía comporá a épica do pobo traballador, nomeadamente das súas mulleres, nunha lóxica de abaixo a arriba, e onde a heroína vai ser a colectividade feminina popular máis abaixada e sofredora. De aquí vimos. Como vimos, tamén, da coraxe e elevado patriotismo dunha muller que defendeu valentemente os dereitos e as razóns da nación galega, procurando un horizonte de dignidade e de autoestima colectiva que, á aquela altura, moi poucos alimentadores tiña.
Se fose seguidista do que reinaba no seu tempo, se practicase o que se esperaba dunha rapaza fidalga na levítica Compostela, teríase dedicado a imitar consignas metropolitanas. Entusiasmaríase coa moda madrileño-parisina, aplaudiría a política española, a súa obra sería mimética do modelo consolidado, e permitido a unha muller.
Mais ela, para fortuna de todos nós, seus descendentes, nen asegundou nen secundou os modelos impostos. Nen realizou copias dun prototipo español preexistente nen axudou a incrementalo. Dispuxo toda a súa inmensa cultura e todo o seu talento artístico ao servizo dunha arte libre, que entregou como un tesouro único ao pobo que sempre defendeu. Combateu firmemente as supersticións, antigas e modernas; por iso, resulta a súa literatura tan atractiva e tan vixente.
Porque superstición –na súa literal definición de dicionario– é o que estamos a padecer estes días: “desvío do sentimento relixioso que consiste en atribuír a certas prácticas un poder máxico ou, polo menos, unha eficacia sen razón; crenza sen fundamento; importancia ou confianza excesiva e case relixiosa atribuída a certas cousas”. Tal cal se reflectía na viñeta asinada por Pareja, en Xornal de Galicia, no luns pasado: desempregados e amas de casa seguirán cos apuros coñecidos para chegaren a fin de mes. E até acertou a nosa escritora cando previu que a súa denuncia política ía ser reducida a reacción psicolóxica (un espírito “demasiado” sensíbel), ao igual que hoxe os contrarios a toda a ranciada (revival franquista) que se monta a propósito do que mencionamos tamén temos que nos defender da acusación de rosmóns ou augafestas. Quero rir –e non dou– cando vexo a bandeira española co touro estampado na franxa amarela. Ponme medo semellante profusión de bandeiras que se acompasan á antítese do que España podería ser e non quer ser: un conxunto representativo das nacións que o compoñen, orgulloso da súa variedade e pluralidade, defensor de todas as súas partes por igual, firme destrutor moderno de todas as prácticas de xenofobia internas… Mais non é o caso. Por iso a obra de Rosalía de Castro segue a brillar cunha potencia extraordinaria. Por iso a oficialidade galega –fiel satélite do planeta España– “pasará” amplamente de a recordar, nesta súa efeméride. Mais neste 15 de xullo, en Adina, en Padrón e en Compostela, non faltará o calor de todas e de todos os que acompañaremos os actos de recordación previstos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e secundados por ducias e ducias de organizacións e asociacións de todo o país. Será, para empezar, un acto de agradecemento, non de adoración a ídolos supercapitalistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario