Manifesto da AELG que se vai ler hoxe ante o Panteón de Galegos Ilustres, no Galicia Hoxe:
Hoxe continuamos a te refrendar Rosalía de Castro como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea, pois o teu pensamento intelectual traspasa uns versos conscientes de lle estar a dar forma a unha materia patriótica senlleira a través da publicación daquel que foi o teu primeiro monumento literario da modernidade en 1863 e, asemade, voz colectiva da nación: Cantares gallegos. E o compromiso co teu pobo esixíache a utilización da lingua de seu.
Na Habana, en 1880, o teu segundo poemario, Follas Novas, despois de impedimentos e censuras varias, olla a luz e supón a túa consagración definitiva da máis galega e, ao tempo, a máis universal dos nosos escritores. E entón o teu eu xeneroso de escritora comprometida debrúzase e asume ser a voz da solidariedade maiúscula cos marxinados, cos asoballados, coas mulleres do pobo, vítimas dobres dos danos infrinxidos á Galiza, á procura de ser novamente dona da súa propia liña do tempo.
Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro. Mais esta celebración de hoxe, 125 anos despois, trae canda nós a reivindicación da túa personalidade consciente, a de ser a primeira feminista da nación galega: pola túa rebeldía ao non aceptares normas masculinas exteriores e superiores á súa propia conciencia e á súa libre vontade; porque te internaches con toda naturalidade no repertorio temático que se reputaba privativo dos homes; porque amosaches a túa solidariedade profunda coa vida e as circunstancias discriminadas das mulleres en xeral e das galegas e traballadoras en particular.
É por iso que neste Nós plural e colectivo que hoxe acode na túa orgullosa lembranza a este Panteón, declarámonos mulleres e homes fillos da túa estirpe e coa forza do teu legado imprescindíbel diremos unha e outra vez, unha e outra vez, unha e tantas veces como sexa necesario, coa mesma lingua coa que ti renegaches dunha emigración que nos destruía, coa mesma lingua coa que reclamaches respecto para os nosos traballadores, coa mesma lingua coa que denunciaches as inxustizas para coas mulleres, esa lingua que ti erguiches da terra para a converteres en material precioso digno do mellor ourive; con esa mesma lingua nós ergueremos a bandeira do noso orgullo de galegas e galegos para seguir pregoando o noso amor, ese amor que nos une a ti por riba do tempo e do espazo, máis alá da existencia material e tanxíbel, o amor por este idioma noso, que en ti volveu nacer e polo que nós tamén daremos a nosa alma nestes tempos agromadores de férridos e escuros.
Porque soubeches ser quen eras e defendíchelo co orgullo dunha voz pública propia e sen medo a non ser entendida ou a seres negada. Como valor humano galego universal que simboliza a nosa identidade de galegos e galegas, e diante da nova situación deste lugar que era laico e de libre acceso e acaba de se converter nun lugar de confesión relixiosa e de acceso restrinxido conforme a vontade dos novos administradores, lonxe de permanecermos inermes e queixosos, non permitiremos que unha parte esencial dos nosos símbolos nacionais, que nos representaron e representan aínda no presente como pobo, fiquen alleados nunha prisión de indiferenza e hostil anulación, demandamos perante túa a nosa dupla vindicación:
1. Apertura ao público do Panteón de Galegos Ilustres en horario de mañá e tarde, por conta da Administración, que permita convertelo nun espazo aberto á sociedade, galega e foránea.
2. Reclamo da aconfesionalidade para o espazo do Panteón, así como a xestión pública do mesmo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario