5 de xul. de 2010

O Constitucional pecha a porta a que os pais elixan a lingua do ensino

Artigo no Xornal:

Foi un dos buques insignia da campaña electoral do PPdeG previa ás eleccións do 1 de marzo de 2009 e, aínda dun xeito máis claro que no caso da reforma estatutaria galega, a sentenza do Tribunal Constitucional (TC) sobre o Estatut de cataluña obriga ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo a virar o seu rumbo, neste caso, no que se refire á aplicación dun dos eixos máis polémicos da súa política lingüística no ensino, como é a influencia por parte das familias do alumnado na proporción en que galego e castelán se reparten nas aulas do país.

No seu ditame, a presidenta do alto tribunal, a galega María Emilia Casas, bota por terra, case na súa integridade, o recurso co que o PP pretendía deixar sen efecto a presenza maioritaria do catalán no ensino. No fallo sobre o texto estatutario catalán, o TC deixa claro que a Constitución non deixa espazo, en ningún caso, ao “dereito de recibir a ensinanza en só unha das dúas linguas cooficiais na comunidade autónoma a elección dos interesados”, xa que, lembra, son o Estado, a través “da lexislación básica”, e a comunidade autónoma, “no marco das súas competencias”, os que regulan os idiomas na educación.

Nos fundamentos xurídicos do ditame, adiantados por El Periódico de Catalunya, o Constitucional envía tamén unha carga de profundidade ás teses dos colectivos contrarios ás medidas de normalización lingüística, dando soporte legal a que o desenvolvemento dun Estatuto de Autonomía se apoie en normas comas coma o decreto 124/2007, derrogado pola Xunta do PPdeG para pór en marcha o denominado “decreto do plurilingüismo”.

Neste sentido, a sentenza expón unha tese tamén aplicable ao ámbito galego apoiándose, en boa medida, en ditames anteriores do propio TC referidas ao uso das linguas cooficiais no sistema educativo. Así, o fallo sobre o Estatut declara “perfectamente lexítimo que o catalán, en atención ao obxectivo de normalización lingüística en Cataluña, sexa o centro de gravidade” do ensino. A única condición para que este precepto encaixe na Carta Magna española pasa por que o modelo de ensino “non determine a exclusión do castelán como lingua docente, de xeito que quede garantido o seu coñecemento e uso no territorio da comunidade”, isto é, un criterio tamén contemplado en Galicia pola norma lingüística impulsada polo bipartito de PSdeG e BNG.

Nesta mesma liña, o ditame, cuxo contido íntegro será público nos vindeiros días, frea a intención dos populares de deixar sen efecto o artigo 35.1 da norma catalana, na que se estipula que “o catalán debe utilizarse normalmente como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino universitario e no non universitario”. Para o TC, esta regulamentación non implica “un propósito deliberado de exclusión” do castelán, dado que o propio Estatut garante, no artigo 35.2, que o alumnado ten “dereito e deber de coñecer con suficiencia oral e escrita” os dous idiomas oficiais ao finalizar o ensino obrigatorio, “sexa cal sexa a súa lingua habitual ao incorporarse” ao sistema educativo.

Sobre esta base, unha eventual trasposición da sentenza a Galicia deixaría seriamente comprometidas non só as reivindicacións de colectivos como Galicia Bilingüe, senón parte das promesas electorais do PPdeG. Neste sentido, o TC deixa claro que o feito de declarar a lingua propia como “vehicular” do ensino “non pode interpretarse como expresivo dunha inadmisible vontade lexislativa de excepción”, isto é, deixa en mans do Parlamento a posibilidade de establecer que idioma é o preferente nas aulas e, se decide que sexa o catalán, é perfectamente adaptable á Constitución.

XURISPRUDENCIA ANTERIOR

A sentenza do Constitucional súmase a un bo número de normas anteriores que tanto emanadas do propio TC como do Tribunal Supremo ou doutras instancias xudiciais, teñen desbotado en numerosas ocasións que os pais e nais do alumnado poidan decidir en que idioma reciben os seus fillos o ensino.

Nunha destas sentenzas, ditada polo Supremo en novembro de 2009, os maxistrados botaban por terra un recurso interposto en 2007 por un pai vigués contra a Xunta gobernada polo bipartito, co obxectivo de que “os estudos de Educación Primaria” do seu fillo fosen impartidos “integramente en lingua castelá”, eludindo así o decreto daquela en vigor, que garantía a presenza do galego nun “mínimo” do 50% das materias escolares.

O TS amparaba o seu fallo no feito de que tanto a Constitución coma o Estatuto de Autonomía de Galicia establecen que “a coexistencia de dúas linguas non só autoriza, senón que esixe (...), o seu conxunto tratamento e a esixencia do galego nos niveles de estudo non universitarios”.

Do mesmo xeito, o xulgado botaba tamén por terra a tese do demandante, segundo a cal, o seu fillo era obxecto de “discriminación” por ter que estudar determinadas materias en galego. Esa “discriminación” produciríase, dicía o TS, “se a Administración autorizase o pretendido”, xa que o ordenamento legal “non autoriza o deseño do currículo educativo a conveniencia dos pais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario