5 de xul. de 2010

Reflexións da Coordinadora para Pais e Nais sobre a lingua en infantil

A CGENDL vén de publicar o seguinte documento:
Ante a entrada en vigor do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, a CGENDL quere transmitirlles ás nais e pais do alumnado da etapa de educación infantil as seguintes reflexións:

- A desprotección cara á lingua galega que se respira no actual decreto agrávase especialmente nos casos daquel alumnado que ten o galego como lingua materna en contextos urbanos e semiurbanos, lingua esta moi pouco frecuente nos espazos e momentos de lecer (parques, debuxos, cine, xoguetes, música…) nos que se moven.
- Este decreto non respecta leis de rango superior (a Lei de normalización lingüística: LNL, Lei Orgánica de Educación: LOE…) ao non garantir que todos os rapaces e rapazas adquiran competencias nas dúas linguas oficias, xa que non arbitra medidas que aseguren que aprendan a lingua galega.

Que din outras normativas vixentes ao respecto do ensino do galego?

LEI 3/1983, DO 15 DE XUÑO, DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA,D.O.G. núm. 84, do 14 de xullo de 1983.
Nesta lei recoñécese o dereito de todos os nenos e nenas a recibiren o seu primeiro ensino na súa lingua materna. Ademais insiste en que a administración ten que arbitrar medidas que promovan o uso progresivo do galego no ensino.
Título III
Do uso do galego no ensino
Artigo 12
1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.
2. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino, de acordo coas disposicións da presente Lei.
Artigo 13
1. Os nenos teñen dereito a recibi-lo primeiro ensino na súa lingua materna. O Goberno Galego arbitrará as medidas necesarias para facer efectivo este dereito.
2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.
3. Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.

Este último punto recolle a posibilidade de aplicar medidas con carácter excepcional que son necesarias en contextos castelanfalantes para permitir que o alumnado galegofalante sexa atendido na súa lingua materna.


A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias
É un documento lexislativo, que foi asinado polo Estado Español en 1992 e ratificado en 2001 e que segue vixente. Neste documento obrígase aos estados ratificadores a garantir un ensino na lingua minoritaria (neste caso o galego) ou a garantir unha presenza substancial desta lingua no ensino infantil:
Artigo 8. Ensino
1. En materia de ensino e, polo que se refire ao territorio en que se falan estas linguas e segundo sexa a situación de cada unha delas, sen prexuízo do ensino da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado, as partes comprométense a:
a i) prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
ii) prever que unha parte substancial da educación preescolar se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
iii) aplicar unha das medidas a que se refiren os puntos i) e ii) anteriores, polo menos, para os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente;

A Lei Orgánica de Educación (LOE)
É o marco xurídico para o sistema educativo de todo o Estado español. Esta estabelece como fin educativo esencial no seu capítulo 1, artigo 2.j “La capacitación para la comunicación en la lengua oficial y cooficial, si la hubiere…”.

CONCLUSIÓNS
A lexislación vixente (internacional, estatal e galega) en materia de linguas parte da necesidade de impulsar a lingua galega no ensino, especialmente na etapa de infantil para poder acadar competencia oral e escrita en igualdade co castelán. Esta igualdade no proceso de ensino-aprendizaxe, tan enriquecedora para o futuro dos nosos fillos, é imposible de acadar se os nenos e nenas non teñen contacto coa lingua galega.
Ademais parécenos gravísimo que a administración educativa non dispoña de ferramentas que permitan medir a competencia do uso das linguas, xa que no programa informático de xestión académica das ensinanzas (XADE) non existen ítems para que o profesorado poida indicar se os nenos e nenas comprenden e se expresan correctamente en lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario