26 jul. 2010

O galego é un obstáculo para o sentido práctico

Iria Taibo en Terra e Tempo:

A Mesa tivo que ir esta semana a unha notaría para formalizar uns trámites. A cuestión implicaba un documento que tiña que emitir o propio notario. As persoas da Mesa que están a encargarse dese asunto acudiron á notaría na que habitualmente esta entidade fai ese tipo de trámites. Entre outros motivos, porque nunca houbo problema nese establecemento para facer a documentación en galego. Termos que facer esta afirmación iso xa é triste, claro. Mais neste país hai quen pode recibir todos os servizos na súa lingua e quen non.

Mais neste caso, a anécdota vai máis aló. Ante a posibilidade de que a documentación teña que chegar nalgún momento a Madrid (non existe certeza de que isto vaia ter que ser así, e de ser, pasaría máis de dous anos), o persoal da notaría dá por feito que o documento se fará en castelán. É dicir, ante a mínima aproximación da posibilidade de que o documento saia de Galiza, suxírese que evitemos problemas e pasemos a usar o castelán, a lingua que todo o universo comprende e que resolve as incógnitas da humanidade. O sentido práctico non é unha das virtudes do galegofalante militante, polo que se ve. Falo de persoas empeñadas en usar unha lingua inútil, desexosas de aproveitar calquera ocasión para facer uso dunha lingua destinada a desaparecer, molestando a todo traballador cheo de boas intencións e sentido común. Son ganas de querer pagar por un lado o documento en galego e polo outro a súa tradución ao galego, para que? Realmente son ganas de complicarse a vida e complicárllela aos demais.

Ante a insistencia, o empregado, supoño que vendo atacada a súa tentativa de colaboración desinteresada (penso que tentaba aforrar á Mesa o gasto de traducir para castelán o documento, no caso de que for preciso), ponse á defensiva e mesmo hai unha pequena tentación de adiar a entrega do texto no caso de que realmente A Mesa estea segura de vez de que o quere en galego.

Finalmente, podemos quedar tranquilos, o asunto resolveuse. Non sen antes incluír nunha escena unha dose de tensión, outra de dúbida, outra de renuncia. Está claro que, de renunciarmos á nosa lingua, a escena sería ben diferente, un trámite habitual.

As linguas no Senado

Noutro alarde de sentido práctico, o Partido Popular e UPN votaron en contra da presenza no Senado de galego, catalán e vasco. A senadora popular Rosa Vindel fala do obstáculo comunicativo que implica o uso de varios idiomas no Senado nos seguintes termos, que non traduzo para respectar a súa liberdade lingüística: "No sé si a partir de ahora nos llamarán la cámara subtitulada, o la versión cañí del Parlamento Europeo, pero esta es una Cámara en la que todos nos entendemos en el mismo idioma y la opinión pública no sale de su asombro, de su perplejidad y de su indignación". A señora Vindel tamén considera un agravio comparativo que só se utilicen os "pinganillos" no Senado, mentres que os ministros e o Presidente do Goberno non terán que pasar por esa "humillación".

É pouco útil, pois, termos tantas linguas. É humillante que un senador poida elixir, entre as linguas oficiais, a que utiliza na Cámara Baixa. É humillante para os sensíbeis ouvidos de algúns senadores, que non queren obstáculos para o exercicio do seu labor parlamentar tan excesivos como un auricular.

É dicir, a liberdade de algúns senadores vale máis que a de outros, segundo esta tese. Igual que a liberdade das persoas que escollen que os seus documentos estean redixidos en galego, unha vez máis só por molestar.

Alúdese tamén na crítica da dereita ao argumento económico, pois a incorporación de intérpretes representará un importante gasto. A cuestión é que en Galiza estamos aínda tentando reaccionar ante o escándalo de que a Xunta vaia gastar un millón de euros nunha campaña publicitaria sobre o decreto do galego no ensino (cinco millóns se falamos do que leva gastado o goberno de Feixóo en total en contra do galego).

En todos estes argumentos está de fondo a dubidosa relación entre as linguas e o sentido práctico. Por unha banda, o símbolo da Torre de Babel percíbese socialmente como positivo, pois representa a diversidade lingüística e cultural, mais hai quen pretende convertelo xusto no contrario: as linguas son utilizadas e non serven para entenderse, senón para crear desunión e para crear complicacións innecesarias.

Entender unha lingua só como un instrumento práctico é un insulto á intelixencia, sobre todo de quen escoita o argumento, pois quen o esgrime non entendería que fagamos do inglés ou do chinés a única lingua oficial universal, por comodidade. Entón será que as linguas non son só iso, instrumentos comunicativos que nos simplifican a vida. Será que tamén teñen connotacións e significados culturais, que nos identifican e cohesionan como pobo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario