O patriotismo non había ser cousa de modas. O patriotismo agroma natural nas colectividades que sinten partillar un proxecto de futuro. O que non prexudica sermos universalistas e solidarios. Pensar globalmente. Sermos cosmopolitas (nada a ver co cosmopailanismo que algún profesan). O patriotismo é complementario do europeísmo e compatíbel totalmente con partillar historia, futuro, obxectivos e afectos co resto dos pobos e nacións do Estado español. Vivirmos a patria é o noso xeito de actuar localmente, como seres humanos universais.
Somos un país moi autorestrinxido na expresión dos nosos sentimentos nacionais. Son, sen dúbida, longas eras de autonegación e desprezo polo propio. Mais agora somos un país moderno, europeo, cun alto grao de incorporación ao ensino, cun proceso de urbanización moi consolidado. Non hai, xa, desculpas. O normal é que expresemos a nosa galeguidade, se é que estamos satisfeitos dela ou sentimos orgullo de pertencermos a este país.
E, nos países máis desenvolvidos da Europa e do mundo, as primeiras expresións da nacionalidade son a bandeira e o himno nacional. Nos USA o uso da bandeira nacional é continuo (e tamén na California e en Texas o uso de cadansúa propia), o mesmo ca en Francia. En Múnic ves bandeiras da Bavaria en todas as súas rúas céntricas. E en Edinburgh ou St. Andrews a bandeira escocesa é omnipresente.
A nosa bandeira é coñecida e non xera resentimento ningún. E, porén, usase pouco. Restrínxese ao mundo político, cultural e sindical do nacionalismo, ao seu frío uso institucional e ao seu uso máis cívico nalgunhas bisbarras do Norte (a branca e azul é moito máis normal a pé de rúa en Ferrolterra ou Ortegal ca no resto do País). De quén ou qué nos agochamos? De qué temos medo?
Velaí que iniciativas coma a de Santiago Domínguez, vice-alcalde de Vigo, ao lle distribuir aos cidadáns e entidades cívicas 5.000 bandeiras na cidade máis poboada da nosa Galicia no Día da Patria, sexan dignas a se ter en conta polo resto dos alcaldes e alcaldesas. Os nosos paseos, peiraos, os mastros nos terreos onde se asentan as vivendas unifamiliares… son todos espazos aptos para exteriorizar o noso orgullo e a nosa galeguidade amosando a nosa bandeira.
E, coa azul e branca na casa, no escritorio ou cara ao fútbol, seremos iguais ou mellores persoas, iguais ou mellores profesionais, iguais ou mellores homes e mulleres fillos do noso tempo e cidadáns do mundo.
Probábelmente mellores. Porque só coñecendo e valorando o que é de noso somos –seremos– quen de lle achegar ao mundo, á ciencia, técnica e cultura universal un contributo digno, unha achega verdadeiramente cualitativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario