Eu agora lémbrome destas palabras do bo de Francisco Castro: “Temos a pura e bendita impresión de que, cando menos no Reino do Virtual, no País Galego Electrónico, as cousas son normais”. Iso pensaba eu, pero recibimos outra hostia de realidade. Se ninguén o remedia, o galego que vai subsistir é o subvencionado polo poder político, o de La Voz de Galicia, un galego robotizado, desvirtuado, violentado e aldraxado por un sistema de tradución automática que converte á nosa lingua en obxecto de sodomización política e xornalística. Subvencións millonarias para un galego que non é galego, senón unha parodia da nosa lingua. E desprezo político, empresarial, e, por que non dicilo, tamén civil, aos medios que si traballan pola normalización do noso idioma.
Semella que o galego non é rendíbel política, económica e socialmente. Vieiros e Chuza! non son as primeiras nin serán as últimas canles dixitais a prol do galego en desaparecer. Xa asistimos á defunción de Gznación e todo parece indicar que o diario nacionalista A Nosa Terra podería ser a próxima vítima da recesión galeguista no sistema de medios de comunicación do noso país. Perdemos información en galego no metamedio e restamos viralidade á nosa lingua.
Desde o poder político e económico só interesa apoiar a medios tradicionais e castelanófilos que manteñan o statu quo mediático galego. Un sistema anquilosado, arcaico e conservador. Un sistema incluso xenófobo, onde calquera intento de vertebrar unha canle forte e sólida monolingüe en galego e galeguista é marxinado ou ignorado.
Subscribo aqueloutras palabras do meu respectado Francisco Castro: “Ás veces penso o bo que sería (utopía, utopía, utopía) que os xornais escritos, que as teles, que as radios, que os medios de comunicación que adoitamos cualificar como tradicionais lle concederan á nosa lingua, á nosa cultura, aos nosos creadores, a metade dá visibilidade que na blogosfera conseguimos ter”.
É o que nos queda, os blogues, é dicir, a resposta civil. Para todo o demais xa temos o castelán, ou iso queren algúns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario