En Galicia Hoxe:
A Real Academia Galega (RAG) buscará no brasileiro unha terminoloxía adecuada para os neoloxismos vinculados a unha disciplina emerxente, a Ciencia do Solo. Así o salientou o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, tras asinar un convenio da Academia coa e a Sociedade Española de Ciencia de Solo (SECS). O convenio de colaboración ten como obxectivo a creación dun glosario de termos desta disciplina científica.
Actualmente, a SECS dispón dunha plataforma terminolóxica con 2.500 voces que se recompilaron desde os inicios desta nova disciplina científica, que se estuda desde o pasado século XX. Estes termos incluiranse no glosario -que será de acceso gratuíto e poderá consultarse on-line- non só en español, senón tamén en catalán, eúscaro, galego, inglés e francés. De feito, xa se conta coas equivalencias en catalán, inglés e francés.
No caso do galego, a academia asesorará os científicos nos campos de normalización e normativización. No entanto, o proxecto non soamentes contempla as equivalencias do vocabulario, senón tamén a realización de definicións dos distintos termos, para que poidan ser incluídos en futuras edicións do dicionario da RAG.
O presidente da Sociedade Española de Ciencia do Solo, Jaume Porta, afirmou que o obxectivo de colaborar coa Real Academia é, entre outros aspectos, o non querer facer "terminoloxía de laboratorio".
Así mesmo, Jaume Porta subliñou que se necesitará un período dun ano para ter as equivalencias do galego e que en dous anos estarían listas as definicións neste idioma.
A "toda a velocidade que sexa posible"
Pola súa banda, Xosé Luis Méndez Ferrín, destacou a vinculación entre a "vangarda" dos científicos de disciplinas vinculadas á natureza en Galicia e a "preocupación pola lingua", á vez que manifestou a súa vontade de incorporar ao idioma a terminoloxía das ciencias. En canto á colaboración, destacou que se traballará "con toda a velocidade que sexa posible" pero sen perder rigor por iso.
O preisdente da Real Academia Galega avanzou, neste sentido, que moitas palabras novas poderán atoparse na terminoloxía brasileira, tanto pola "práctica e tradición" existente respecto diso como polo feito de que este país é "unha potencia en ciencia do solo".
Sobre a porcentaxe de termos que poderían incluírse no dicionario, Méndez Ferrín considera que o momento actual é aínda "prematuro" para poder realizar cálculos.
CONVENIO CON EDUCACIÓN
Telefónica fomentará os menús dos móbiles en galego
Telefónica e a Consellería de Educación subscribiron onte un convenio de colaboración para a promoción da lingua galega polo que a compañía de telefonía se compromete a fomentar que os móbiles dispoñan da opción do menú neste idioma.
Ademais, o convenio subscrito entre o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, inclúe a promoción de campañas entre os subscritores da compañía para dar a coñecer os modelos de terminais con lingua galega.
Este novo acordo, segundo recordou Educación, rubricouse tras a presentación por parte de Telefónica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística do Proxecto Glossa o pasado abril, polo que a empresa poñía en marcha diferentes accións de promoción do galego, entre elas a posibilidade de que os empregados de Movistar en todo o mundo poidan aprender a lingua. Na actualidade, Telefónica xa oferta máis de cen móbiles con estas características e a maioría deles inclúen tamén dicionario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario