30 jul. 2010

A Xunta confunde o Estatuto e eleva o castelán a lingua propia

Miguel Pardo no Xornal:

“O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ao galego e ao castelán como linguas propias e cooficiais de Galicia”. Así comeza o prego de prescricións técnicas para a contratación da campaña de publicidade que venderá “os novos valores” do sistema de ensino galego tras a aplicación do novo decreto do plurilingüismo.

Contradicindo o Estatuto, que declara como idioma propio só o galego, mentres que sitúa o castelán como oficial xunto a el, o Executivo volve meter a zoca ao equiparar o rango dos dous idiomas que se falan no país. Faino, curiosamente, ao introducir as bases dun concurso público para un contrato de 1,2 millóns de euros que pretende publicitar un decreto que busca “lograr un plurilingüismo real na nosa comunidade autónoma”.

“A Consellería de Educación quere comunicar aos cidadáns os principais cambios que supón esta nova norma (...) cunha campaña informativa e de publicidade que faga máis sinxela a comprensión dos novos valores na ensinanza non universitaria de Galicia”, explica o prego.

A campaña, cuxo custo e obxectivo foron criticados duramente pola oposición, non aforrará en medios. Segundo se explica no texto, levarase a cabo durante os meses de setembro e outubro deste ano –xusto no comezo do curso– e incluirá todo tipo de spots, cuñas, carteis ou anuncios que se repartirán por Galicia, especialmente nas sete cidades, durante pouco máis de 
sesenta días.

Será unha campaña de impacto, sen dúbida ningunha, e semella difícil que algún cidadán quede alleo a eses “novos valores” da educación en Galicia. O “proxecto de estratexia de medios e planificación” para a campaña esixe ás empresas que opten ao contrato uns requirimentos mínimos. Entre eles, inclúense, polo menos: tres insercións de media páxina cor impar nos diarios galegos, 20 cuñas de 30 segundos e 70 de 20 nas cadeas de radio, anuncios para unha televisión galega cun mínimo de 10% de audiencia que suporán un 15% do investimento, 100.000 impresións nos diarios electrónicos de Galicia, traseiras para os autobuses urbanos das sete cidades galegas e 40 carteis para colocar nos valados publicitarios destas urbes. Case nada, aínda que a Secretaría Xeral de Medios, que é quen convoca o concurso, prevé tamén outras “accións especiais” como folletos, carteis, organización de eventos ou accións de rúa.

Por suposto, especifícase tamén o carácter bilingüe que deberá ter esta potente campaña de publicidade que difunde “os novos valores” do decreto na lingua propia de Galicia, o galego, pero tamén na outra oficial do país, o castelán, que tamén é “propia” para a Xunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario