30 jul. 2010

Policía, forzas represivas do status quo?

Manuel Vidal Villaverde, no Galicia Hoxe:

O TC español, a nación española, o Estado español e as súas comunidades autónomas, El-Rei e a monarquía parlamentar proclama con solemnidade case esperpéntica a Constitución española, cuxo texto, indican os seus maxistrados ad hoc, non coñece nin recoñece outra nación que non sexa España, as demais son comunidades autónomas, históricas, como moito, cunha cultura diferente, un idioma propio, que forma parte da variedade e pluralidade do acervo cultural español en calquera caso. Xa Fraga Iribarne o advertía estes últimos días en Compostela: "Galicia non é unha nación", e receita retornar ao "café para todos", ao chalaneo e á patética España, digo, "es una unidad de destino en lo universal". Estatuto como lilaila, como xoguete ou trebello. Na escada de valores patrios e universais, o galego, o éuscaro e o catalán serán subsidiarios do español ou castelán, ao que todos e todas estamos obrigados a estudar e a defender. Fanno os ignorantes e diglósicos galegos, e mesmo casteláns? Fanno os galegófobos e estoutros lingüicidas; faino Galicia Bilingüe? Podo dar fe e testemuña que da literatura española ben pouco coñecen, e do idioma e sintaxe na que se escribe ou escriben/falan eles/elas, chega ao disparate, ao dislate. Alberto Núñez Feijóo, nun caso de cursiño e desinformación histórica, advirte de que España é nación dende hai máis de cincocentos anos. O Decretazo verbo do galego imposto (e xa veremos) polo PP español en Galicia carece de sentido e achégase ao disparate. Cal é señores e señoras españois, cidadáns do mundo (expresión obvia, tautolóxica e polo tanto innecesaria por absurda e estulta). Cecais cre algún sarriano, ou vigués, ou coruñés, que Sarria, Vigo ou A Coruña non forman parte do mundo? As contradicións nos termos son tan grandes que superan e transcenden as fronteiras do imaxinario colectivo para recalar nas augas na mediocridade, a vulgaridade e o delirio imperial do inútil. E por que dicimos no enunciado "policía, forzas represivas"? É tan obvio explicar este sintagma que se fai innecesario. A evidencia sobarda ao mínimo da posibilidade e a intelixencia. Non necesita, pois, explicación. A Compostela xamais chegou o apóstolo Santiago, pero a invención do sepulcro, como a da resurrección de Cristo deu e aínda dá moito que falar e entreter os seareiros, tanto ou máis que o triunfo da Selección española no campionato do Mundo, a vitoria do tenista Nadal e os faustos do ciclista Contador no Tour de Francia. Así é todo, o boureo continúa, pero a crise económica non deixa de abafar o pobo desherdado, sen adxectivacións. Galicia, Catalunya e Euskadi si son nacións, malia que lle pese á recidiva franquista encistada na entraña de moitos e moitas, incluído o señor Fraga Iribarne.

No hay comentarios:

Publicar un comentario