8 de ago. de 2010

As galegas Hacce e London Clip poñen en marcha un proxecto para twittear El Quijote


Partindo da base de que a cultura para promoverse e espallarse ten que estar onde está a comunicación, as empresas galegas Hacce Solucións (especializada en desenvolvemento web) e London Clip veñen de dar renda solta a un proxecto que é como quitarlle ferro ás clases de literatura e, de xeito simultáneo, amosar que a Internet participativa xa se fixo maior. Máis polo miúdo e para que se entenda, trátase de facer fronte común nas redes sociais co obxectivo de publicar El Quijote (obra clásica libre dos dereitos de autor e polo tanto dispoñible para este tipo de experimentos) ao completo.
A iniciativa, chamada Twijote, ten moito do simbólica. De feito, non é casual que se tire partido da dita obra de Cervantes: amais da accesibilidade que achega o feito de que estea ceibe de dereitos, non hai dúbida de que twittear El Quijote amosa que nas redes sociais non está só os lectores de Que me dices.
Segundo se conta en Telecinco.es, en dous días de andaina (dende o venres pasado até o luns), a proposta xa acadou 200 tweets, precisándose só 8.000 para que a primeira parte do devandito libro poida estar dispoñible en Twitter.
O obxectivo deste proxecto, como dixemos, non é outro que o de vincular a cultura ás redes sociais, afianzando novos vieiros para as expresións creativas de todo tipo e contribuíndo a quitarlle de enriba á Rede 2.0 esa imaxe de lixeireza e de cousa aditiva sen fondo que moitos queren darlle. A iniciativa, por certo, comparte o espírito da nova Rede: é colectiva e fica accesible a todas e todos. Ou sexa, que calquera pode participar. O único requirimento que se pide é visitar a web www.twijote.com e ler o parágrafo que nos corresponde e, a continuación, premer en enviar. O xermolo do proxecto foi, tamén, un pouco 2.0: xurdiu dunha conversa entre compañeiros acerca das vantaxes do servizo de microbloggin, que achega a posibilidade de twittear unha frase de 140 letras.

Vía

Ningún comentario:

Publicar un comentario