8 de ago. de 2010

A virtude de Lois Pereiro e a Xeración Roubada

Anotación no blogue Ferradura en tránsito:

Monforte debe vibrar con Lois Pereiro, igual que a súa poesía é un diapasón contra o infinito, igual que a poesía do Lois é un infinito preñado de presentes condicionais obrigados (cando o eixo temporal só apunta cara a dentro). Hai quen pensa que a poesía do Lois é sibarita, moi especial, un testemuño persoal. Que o pensen. É así, si, porque a poesía, e a escrita, en definitiva, sempre son iso. Porén a poesía, e a poesía do Lois, sempre tamén é maís, e, senón, xa é menos poesía, xa é menos todo cando fica reducida ao eco das curiosidades.
Agardo eu que Lois non fique reducido a unha curiosidade festiva, outra ocasión a celebrar. Que o que se celebre sexa un testemño de vida, da vida eterna lograda desde a palabra punxente, desde a emoción incontida, desde o compromiso perenne coa Terra que se manifesta no seu compromiso e amor pola lingua, a lingua que e compromiso que foron sustento vital da súa vida e o serán sempre da súa poesía.
Agardo, sobre todo, que a celebración do Lois sexa unha celebración de vida e para a vida. Celebración, e non rito festivo. Celebración da fortuna de sermos galegos e de disfrutarmos por iso da poesía do Lois en primeira persoa, ao vivo e en directo, porque o Lois escolleunos como o seu natural interlocutor, como o seu natural destinatario.
Todo Monforte debe estar especialmente agradecido ao Lois, como todo Monforte debe estar especialmente agradecido aos mestres, que, en definitiva o Lois foi iso, un mestre. E que ninguén, que ninguén erga unha copa en homenaxe ao que non entende, esa homenaxe prostituída que tan adoito se ve (vina o outro día en Esteiro). A homenaxe non obriga a ir á perrucaría e poñer traxe de festa. A homenaxe é un convite á intelección da mensaxe (do Lois), entendelo é a nosa maneira de corresponder á enorme sorte de telo entre nós na vida e na vida eterna da literatura. E non hai outra. Calquera outra celebración é gratuíta, é estéril día do patrón.
A Monforte roubáronlle unha xeración, a xeración do Lois. O Lois é a voz da Xeración Roubada a Monforte. Que non se esqueza. A forza do noso amor non pode ser inútil. Diso depende. De que non esquezamos. De que non sexamos malos pagadores, esa vergonza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario