3 de ago. de 2010

Epifanías de Lois Pereiro

Artigo en El Ideal Gallego:


É Lois Pereiro un maldito? Érao. Acaso por terse atrevido a contraculturalizar cando na tribo aínda pesaba máis o cánon que a rede. Tamén porque a colza fixera del un desafío existencial, incómodo a máis non poder para o establishment intelectual do seu tempo. Fóra da autóritas académica, coa que non sintonizaba, e fóra las liturxias que establecen límites preservando os seus acomodadores o dereito de admisión, non hai vida para quen coma el fixera do desasosego e tamén do desespero unha fonte de rebeldía. Sen que nada puidera con esa súa capacidade de resistencia. Nin sequera cando estaba ao borde do abismo: “nunca perdín despois de tantos anos esa necesidade de sentirme sempre molesto e radical”. Era un poeta maldito. Xusto ata o día en que a mesma Academia o revalida nesa súa condición, que non é senón a dun viaxeiro aberto a corredores infinitos nos que a vida e a literatura se consubstancian e confunden. Na confesión de Kafka –a miña felicidade, as miñas capacidades e calquera posibilidade de que eu sexa útil de algunha maneira están desde sempre na literatura- está tamén, antes e despois da súa enfermidade, a mirada estilizada e líquida do poeta.
Souben del a través das entregas multicopiadas de Loia, a publicación que Manolo Rivas me enviaba puntualmente desde Madrid. Había algo de Rompente, aquel colectivo de provocadoras rupturas, e nada dos que en Xistral escrituramos nos primeiros 70 poemarios de contestación social. Cando a editorial Positivas se atreveu a antoloxizalo por vez primeira, caín na conta do que representaban para o imaxinario dun país fallido, ou en transición, as súas epifanías urbanas. Choque brutal de realidades e sentimentos nos que a dor e o desexo humano se urxen e necesitan mutuamente, decantándose pese a todo, coma o anxo de “O ceo sobre Berlín”, o filme de Wim Wenders e Peter Handke, dous dos seus, por renunciar á inmortalidade a cambio de formar parte da vida mortal. Non doutra maneira podería escribir ese testamento, intimamente caudaloso, formalmente punk, forzosamente agónico, solidario e metafísico, que está en cada despece da súa Poesía última de Amor e Enfermidade.
Que a Academia o leve ao santoral das Letras, solemnizando no vindeiro 17 de maio a súa vida e obra, é o argumento máis acaído co que demostrar a utilidade da súa radical e valente ruptura co cánon cultural da Galicia dos 80. Forzou, sen buscalo, que o que el representa fronte aos estándares da literatura tradicional, e fronte á cultura do fast food, acabe sendo valorado polas institucións. Empezando pola que marca o cánon. Se a súa figura propositiva atraera a atención dos que, coma el no seu tempo, se experimentan fillos dunha cultura que ten instalados os seus tensores no corazón, nas venas e nas arterias –socioeducativas e sociolingüísticas- das tribos urbanas, mellor que mellor. Sempre que non o anestesien, nin o desactiven. Unha tentación a vixiar. Porque el nunca quixo deixar de sentirse molesto e radical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario