Quen pretenda abrir un debate sobre a utilidade da Real Academia Galega está perdendo o tempo, é evidente que ningunha persoa que teña un mínimo de coñecemento e interese sobre o conxunto da cultura galega entenderá este debate, máis alá de intereses contrarios á propia utilidade da nosa cultura, cuestión fora de dúbida sendo como somos unha cultura que xerou a poesía medieval galego-portuguesa dos séculos doce ao catorce, que posibilitou a obra pictórica de Maside, Colmeiro, Lugrís, Seoane, Granell ou Patiño, por dicir só uns pouquiños nomes, o talento musical de Chané, Veiga, Groba, Susana Seivane ou Carlos Nuñez, a obra literaria de Rosalía de Castro, Pondal, Curros, Ferreiro, Novoneyra, Pimentel ou Xavier Seoane, lista que podería encher moitas páxinas, e poderíamos seguir dando nomes de xentes de categoría internacional noutras disciplinas artísticas e culturais, por exemplo falar en cine de Carlos Velo, en escultura de de Asorey e Leiro, en teatro de Vidal Bolaño ou Ruibal, en fin para que seguir falando de evidencias.
Que somos unha cultura poderosa no creativo penso que debe ser algo que ninguén discute, agás os que a descoñecen e son ousados no seu falar, ou aqueles que saben da súa valía e queren evitar a súa divulgación co fin de facela desaparecer, cuestión imposible, xa que aínda que na propia casa teñamos xentes con este interese, internacionalmente sábese do noso capital cultural.
Certo é que a Real Academia Galega pasou por épocas de dubidosa utilidade, debemos saber recoñecelo, pero dende a presidencia de Don Francisco Fernández del Riego, coa continuidade de Xosé Ramón Barreiro e agora con Xosé Luís Méndez Ferrín, tres homes, por certo cun carácter común na súa afabilidade, que teñen unha especial virtude na súa responsabilidade, teñen máis, pero é de destacar o comprender que a Academia é unha institución ao servizo do pobo galego, e dende esa perspectiva trazan o seu navegar. E poderíamo dicir que por isto é so por isto xa é unha entidade de gran utilidade. Ningunha institución pode ser máis útil que aquela que ten como obxectivo principal servir ao pobo que a sustenta, e certo é que non todas as institucións do noso pais teñen ese obxectivo, e algunhas están moito máis obrigadas a telo que a propia Academia.
A recente acción da Academia de denunciar nos xulgados o decreto sobre o galego do goberno actual, é sen dúbida un exercicio de responsabilidade dos nosos académicos, aínda que a algúns isto lle pareza que é xudicializar a acción de goberno, pero non facelo si sería ser unha Academia inútil para o pobo galego, pero por sorte os propios académicos saben moi ben escoller aos demais membros que van cubrindo as vacantes, e así chegamos a unha Academia chea de intelectuais dos que o pobo galego pode sentirse orgulloso, é o que é máis importante, chea de académicos que saben que representan ao pobo galego, ese pobo amante da súa cultura e a súa máxima expresión que é a lingua galega. E pode parecer unha banalidade, pero o feito de que a Real Academia Galega estea presidida por un poeta é moi significativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario