As migracións aínda non se converteron en fonte de recorte poboacional en Galicia, pero levan camiño de facelo. Segue chegando máis xente que a que se vai, pero a diferenza redúcese cada vez máis. Só o retorno dos emigrantes e unha menguante inmigración estranxeira están a permitir á comunidade contar cun saldo migratorio positivo, a pesar dos claros sinais de que cada vez Galicia é menos atractiva tanto para a volta dos que un día se foron, como para os que desde o exterior buscan aquí un traballo e estabilidade.
Desde o 2002 Galicia perdeu a 171.252 residentes por traslado a outros puntos de España ou o estranxeiro, mentres que no mesmo período chegaron para establecerse outras 292.968 persoas. Pero a diferenza entre inmigracións e emigracións tivo o ano pasado o seu peor rexistro, ao reducirse o balance en favor das chegadas a 9.128, mentres que dous anos antes foron 20.478 máis os que viñeron que os que se marcharon.
A radiografía dos movementos poboacionais no último exercicio completo debuxan a unha Galicia á que chegan menos retornados desde o estranxeiro, nada menos que 5.203 por baixo do que ocorría no 2002. Tamén cae o número de estranxeiros que elixen Galicia para vivir: 8.500 menos que no 2007, que foi a maior punta de chegadas foráneas da década. E finalmente, repunta lixeiramente o regreso de emigrados a outros puntos de España ou de naturais doutras comunidades que recalaron en Galicia.
En canto ás emigracións, a crise recortou cambios de residencia de galegos cara a outras zonas do Estado ata niveis descoñecidos ata agora, mentres crecen as saídas ao estranxeiro, con 3.084 abandonos en todo o ano, 1.362 máis que no 2004. Aínda por riba ese sinal de alarma, nunca antes tantos estranxeiros abandonaran Galicia como na actualidade. O ano pasado fixérono 6.291, o 53% do caudal de foráneos que chegaron no mesmo exercicio, evidenciándose que esa curva non deixou de caer desde o 2006 e que Galicia non é atractiva para a emigración exterior que, segundo os expertos, é a medio prazo a única vía de crecemento posible.
Dentro da comunidade os sinais tampouco son mellores. Desde 1998, 616.625 residentes (442.901 desde o 2002) cambiaron de municipio dentro de Galicia, dándose a maioría dos traslados nas zonas próximas ás grandes cidades, especialmente desde as provincias de Ourense e Lugo ás máis occidentais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario