É probable que nos tempos de bonanza as subvencións e axudas a todos os sectores culturais fosen unha porta aberta á compracencia e, nalgúns casos, ó desbarate. Porén, teñen acontecido dúas cousas a salientar. Unha, a creación dunha industria cultural con gran personalidade en sectores como a edición, as artes escénicas, os eventos, os congresos, os festivais de música e mesmo de cara ó mercado da arte. Dúas, desde a fundación da TVG, agora hai vinte e cinco anos, Galicia conseguiu crear unha industria audiovisual moi interesante da que veñen saíndo excelentes profesionais e realizacións grazas á proliferación de empresas produtoras, achegamento de proxectos doutras Comunidades e mesmo internacionais, que converteron á Comunidade nun plató de rodaxe preferente.
En realidade, nestes 25 últimos anos, Galicia acadou un predicamento cultural sen precedentes. Velaí os premios que reciben os nosos autores logo de superar fronteiras lingüísticas, as producións cinematográficas e televisivas, os actores, actrices e directores, que fan a mellor publicidade posible do país no mundo... Un fenómeno que non naceu por xeración espontánea e que debe moito á protección oficial, ás axudas da Xunta, deputacións, concellos e fundacións varias. Tamén é certo que había materia prima e que existiu un esforzo humano importante.
Pero chegou o tempo das vacas fracas e, non podiamos agardar outra cousa, o interese dos gobernantes actuais pola cultura está volvendo ó lugar de adorno do pasado. Todos os casos son sangrantes e todos os sectores están en precario e sufrindo. Porén, se cadra, a cultura do audiovisual, na que o aspecto industrial ten un peso decisivo, está a piques de apagar a luz e pechar a porta. A actitude do Goberno Feijóo nesta materia non lle cabe outro cualificativo que o de irresponsable. E mesmo dá a impresión dunha certa xenreira contra o sector.
Non se entende senón, que nesta fin de semestre estean sen adxudicar as axudas do Agadic, que a TVG decidise non resolver a segunda convocatoria do Plan de Apoio ó Audiovisual e estea adiando as axudas concedidas cara ó final do ano, e que o Igape permaneza pechado para os que chaman á súa porta. Alguén no Goberno de Feijóo decidiu mandar ó paro o sector audiovisual, digo eu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario