1 de ago. de 2010

Obradoiro de Teatro da Oprimida

Lido en Galicia Hoxe:

A Marcha Mundial das Mulleres na Coruña celebrará un obradoiro de Teatro da Oprimida os días 27, 28 e 29 de agosto no Centro Cívico de Labañou, na Rúa Colombia, sen número. O prazo de inscrición está aberto.

A través das técnicas do Teatro da Oprimida, as participantes van explorar "as diversas situacións de opresión en que as mulleres desenvolvemos a nosa vida diaria. Sandra Silvestre, compañeira da Marcha Mundial das Mulleres en Portugal e con ampla experiencia na pedagoxía e educación social e popular da perspectiva feminista, levaranos por un camiño de reflexión interna e externa cara a conscientización das nosas realidades e toma de accións transformadoras", explica a organización nunha nota.

Os obxectivos principais do obradoiro son: prover ás mulleres dun espazo de reflexión, debate e acción transformadora cunha abordaxe lúdico-formativa da perspectiva feminista; coñecer o Teatro da Oprimida, a súa historia e familiarizarse cos seus principais conceptos; explorar a través da creatividade e a imaxinación a complexidade do noso entorno e comportamentos e capacitar para unha cidadanía transformadora, profundando na capacidade de acción colectiva e cooperativa na solución de problemas.

O Teatro da Oprimida pretende "transformar a espectadora da súa forma pasiva a suxeito actuante, transformadora da acción dramática da que ela é a protagonista. A idea central é que a espectadora ensaie a súa propia revolución sen delegar papeis ás personaxes, desta forma conscientizándose da súa autonomía diante dos factos cotiás e indo en dirección a súa real liberdade de acción. No Teatro da Oprimida todas as participantes tórnanse en espectatoras", engade a nota.

Augusto Boal, nacido no Río de Xaneiro en 1931, creou o coñecido como Teatro do Oprimido. Boal buscou sempre loitar contra todas as formas de opresión, desenvolvendo na súa loita a favor das exploradas e oprimidas. Para mais información : marchacorunha@gmail.com // www.feminismo.info.

Ningún comentario:

Publicar un comentario