2 de ago. de 2010

Para sandar as feridas

De Carlos Callón:

Propostas para mellorar a corrección e a fluidez en galego

O idioma da Galiza leva séculos padecendo un proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural. Unha das secuelas visíbeis (e audíbeis) desta inxustiza é a progresiva deformación da lingua, que en moitos trazos, mesmo estruturais, vai hibridándose co español.

O idioma galego espontáneo transmítese ferido e furado polo castelán. Son moitas as palabras, expresións, pronuncias etc, que a sociedade foi abandonando no transcurso do tempo para substituílas por outras proporcionadas polo único referente de corrección e prestixio: o español.

Estamos nun momento histórico no que é fundamental que sexamos falantes conscientes e leais do galego. Xogámonos aquí e agora que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas á normalidade, ou só unha curiosidade marxinal e residual.Nesta batalla cívica, hai tres verbos fundamentais a conxugarmos: falar, escoller e solicitar.

Comecemos polo final. Se na verdade pensamos que somos cidadáns con iguais dereitos e deberes, solicitemos que a documentación da nosa vida sexa en galego (seguro do coche, hipoteca, contrato de aluguer, consentimento informado, etc.). O “non” xa o temos, mais o “si” aínda podemos conquistalo. Pidamos o galego alí onde non nolo ofrezan. Procuremos a empatía da persoa que nos atende, claro, mais non deixemos pasar calquera xestión da nosa vida sen o dicirmos: “Por favor, podería ser en galego?”

Sexamos tamén parte dinamizadora da comunidade lingüística escollendo o galego alí onde xa existe opción. Fóra esa preguiza tan pouco saudábel de se deixar levar! Decidámonos polo galego nas redes sociais, nos teléfonos móbiles que o ofrecen, nos caixeiros automáticos... Apoiemos tamén as nosas empresas culturais optando por música, libros, espectáculos, audiovisuais, e tantas outras manifestacións de todo tipo que se realizan no noso idioma. Gocemos da nosa cultura!

Mais, sobre todas as cousas, non deixemos de falar. Falar galego en Galiza é o máis revolucionario que podemos facer en defensa da nosa cultura, do noso país e da diversidade de culturas e sociedades que existen no planeta.

Para termos unha lingua verdadeiramente viva temos que tentar tamén falala con maior corrección e fluidez. Para este obxectivo, achego a continuación, a xeito dun (incompleto e algo retranqueiro) decálogo, unhas poucas propostas:

1) Lembrarás que ninguén pasou de usar mal unha lingua a usala ben sen antes pasar por un período en que a usa regular. Cantas veces non escoitaremos iso de “yo no hablo gallego porque no lo hablo bien”? Imaxinemos que ese mesmo razoamento se aplicase a calquera outro idioma do mundo. Só falaremos inglés cando o saibamos falar ben? Entón, como vai ser posíbel aprendelo?

2) Terás sempre presente que ninguén naceu aprendido e que para solventar as dúbidas están os manuais e os dicionarios. Hai quen, tras botarlle un ollo a un libro escrito en galego, considera: “Non hai quen o entenda. Eu nunca escoitei esas palabras. Isto é un idioma inventado”. No fondo, o que se expresa é un prexuízo aprendido, que poderiamos traducir deste xeito, mesmo que a persoa que o diga non sexa consciente diso: “O galego é un idioma que non vale para estas cousas, pois só serve para comunicarse na casa ou entre amigos”. Poñámoslle, como contraste, a esa mesma persoa, o coñecidísimo comezo do Quixote: “En un lugar de La Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo que vivía un hidalgo de los de lanza en astillero, adarga antigua, rocín flaco y galgo corredor. Una olla de algo más vaca que carnero, salpicón las más noches, duelos y quebrantos los sábados, lantejas los viernes (...)” Podería explicarnos o que aí pon sen acudir a un dicionario ou a unha edición anotada da obra de Cervantes? Para todos os idiomas, os dicionarios son boas compañías. Para o galego, tamén.

3) Acordaraste de que aprender e coñecer unha lingua é tarefa de toda unha vida. Os manuais de “Aprenda inglés / xaponés/ alemán /... en 30 días” non funcionan nunca alén de como primeiro contacto cun idioma. Ninguén pode agardar “saber toda unha lingua”. Mesmo os grandes especialistas están sempre a aprender. Co galego, tamén acontece o mesmiño.

4) Practicarás e aprenderás coa suor da túa fronte. Vivimos nunha sociedade que reduce a importancia do sacrificio e do esforzo, mais estes seguen a ser necesarios para a adquisición de habilidades ou coñecementos de calquera tipo, tamén dos lingüísticos. Por exemplo, non hai fórmulas máxicas para aprender a usar o infinitivo persoal ou a colocación do pronome átono en cinco minutos. Hai que estudar e practicar, co galego igual que co resto dos idiomas coñecidos.

5) Soltaraste a falar en galego e tentarás facelo con corrección cando menos nalgúns ámbitos ou espazos do teu día a día. Perdoade que a advertencia poida resultar estúpida por ser tan evidente, mais é que se non se practica o galego, non se pode aprender. Do mesmo xeito, hai persoas que coñecen cales son as formas correctas en galego (por exemplo, para designar os días da semana, os meses do ano, os nomes das froitas...) e que non as utilizan porque se senten “estrañas”, polo que usan un galego cheo de incorreccións, barbarismos e deturpacións. Aquí o problema non é de aprendizaxe, senón de saltar a barreira psicolóxica que fai sentir incomodidade por falar un galego máis coidado. Saltémola!

6) Igual que na vida, aprenderás dos teus erros. Aínda que, igual que na vida, teñas que cometer eses erros varias veces para corrixilos. As equivocacións, as “patadas” á lingua, non deben servir nunca como escusa para deixar atrás todo o aprendido. Ben ao contrario, teñen que servir como aliciente no proceso de aprendizaxe.

7) Desterrarás os castelanismo innecesarios, porque o galego ten os seus propios recursos. Sabemos que é vasoira e non *escoba, que é lixo e non *basura, que é almorzar e non *desayunar, así que non temos escusa para deixar de usar as nosas formas propias. Polo contrario, mantendo estes españolismos contribuímos á perda destas palabras e a que o galego se converta de xeito progresivo nunha forma dialectalizada do español, perdendo a súa personalidade.

8) Nunca comezarás unha oración cun pronome átono. Como se comentaba nun dos mandamentos anteriores, é necesario estudar e practicar, pois non hai ningunha pedra filosofal para aprender, por exemplo, a colocación dos pronomes átonos. Mais é tal a epidemia que existe en moita xente de dicir cousas do estilo *O fixen onte, *Volo dixen antes... que fai necesario gravar esta idea como unha norma fundamental.

9) Para aprenderes a usar o infinitivo persoal, nada mellor que lle dares uso. (E para aprender eu ou ela, aprendermos nós, aprenderdes vós e aprenderen eles, que falta fai!) O infinitivo persoal ou infinitivo conxugado é un dos trazos definitorios do noso sistema lingüístico. Está vivo na inmensa maioría dos falantes espontáneos, aínda que, por mímese coas estruturas do español, tende a eliminarse nos rexistros máis formais. Sexamos conscientes e avivémolo!

10) Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico ao que pertence: o galego-portugués ( posíbel, Galiza, até...). A existencia do portugués como idioma normalizado foi e é un fecundo recurso para que o galego non perda a súa personalidade pola influencia omnímoda do español. Que a lusofobia tan presente no noso país (e que non deixa de ser outra cara da galegofobia) non nos confunda: o portugués é unha fonte limpa da que bebermos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario