"Contra todas as evidencias, transmitiuse dela unha imaxe de "corte e confección", adecuada aos propósitos reducionistas da súa persoa, obra e nacionalidade, levando a lela como un lenzo só parcialmente desvendado e ocultando ou deturpando aspectos esenciais de toda a súa produción". A revista Galegos introduce con palabras coma estas o encarte que introduciu no seu número 10/11 sobre Rosalía de Castro, no que, co gallo da celebración do 125 aniversario do falecemento da nosa poeta fundacional, autores e autoras como María Pilar García Negro, Francisco Rodríguez ou Diego Pardo revisan a súa figura.
Pilar García Negro, que acaba de publicar O clamor da rebeldía, co que gañou o premio Vicente Risco, sinala no seu texto a "deslocalización sistemática de que Rosalía de Castro foi obxecto, precedida dunha falta grande de leitura directa e seguida de múltiples apósitos desfiguradores, como falso mito útil á consolidación dunha imaxe resignada e mansa dela, das mulleres galegas e da Galiza toda".
E indica que, nas súas obras, "a épica tradicionalista, de base androcéntrica, masculinista, de heroi individual, semidivino, superior á masa, vai ficar revolucionariamente contestada coa definición e realización dunha épica con suxeito colectivo feminino; baseada nas mulleres traballadoras, coas sobrecargas coñecidas de todos os traballos domésticos-familiares, e sendo, en todos os casos, únicas responsábeis da casa, (familias monoparentais), por emigración do home (as viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos)", grazas a Rosalía.
Francisco Rodríguez, que está a preparar un libro sobre Rosalía, lamenta no seu texto que "desde as institucións culturais oficiais e os poderes públicos galegos, especificamente o goberno de Galicia, nada se fai para un coñecemento máis cabal e directo da obra de Rosalía na nosa sociedade". Sinala que nos 125 anos da morte da escritora "todo o que se fai, e non é pouco con tanta indiferenza e mal disimulada hostilidade oficial, é grazas á iniciativa social de base".
Critica, ademais, no seu artigo, o feito de que Harold Bloom establecese un listado canónico de literatura no que non incluíu a Rosalía. E subliña que "a súa forza poética" -a da autora de Follas Novas- é dun agonismo máis feroz que o de Bécquer, por suposto, pero tamén maior e máis expresiva que a de Emily Dickinson, á que Bloom considera, xuntamente con Safo, "agonistas máis feroces que os homes".
"Quen ler Rosalía liberándose de anteollos deformadores, achará nela tres aspectos que vertebran a súa posición agónica, a súa específica individualidade poética: un afán patriótico galego persistente; unha paixón amorosa desbordante e un desacougo relixioso anti-dogmático", engade.
A profesora Kathleen March incide no seu artigo no feminismo de Rosalía de Castro, e nas súas protestas pola desigualdade dos xéneros. "Porque ela berra, non chora", salienta. E comenta como este aspecto da súa literatura foi ignorado ou incomprendido, sobre todo no caso da prosa rosaliana.
Diego Pardo, autor de Rosalía de Castro. A luz da ousadía, cuestiona no seu texto o carácter "decisivo" que se lle atribuíu á influencia de Manuel Murguía sobre a difusión de obra de Rosalía. Apunta tamén que a escritora chegou a postular a defensa da solteiría como alternativa á degradación e submisión do matrimonio. Andrés Pociña e Aurora López, autores de Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra, reivindican novos estudos e reflexións sobre a escritora que incidan en aspectos como a súa prosa ou a súa gran cultura.
CELIA ARMAS
Nin feble nin choromiqueira
Celia María Armas, autora de As mulleres escritoras (1860-1870). O xenio de Rosalía, denuncia que a creadora de Follas Novas foi obxecto "na meirande parte da historiografía da literatura galega recente dunha manipulación, dun ocultamento tan só proporcional á súa revolucionaria achega ás nosas letras". Salienta como se a presentou como unha muller "choromiqueira, feble", esposa e nai que escribía no seu "tempo libre".
Propostas revolucionarias
Armas sinala como, nunha época na que outras autoras escribían sobre relixión, costumes, moral u o fogar, Rosalía publicaba obras cunha clara reivindicación feminista como as súas novelas La hija del mar e Flavio, e denunciaba a inxustiza que se estaba cometendo con Galiza en Cantares Gallegos, a "primeira obra íntegra e conscientemente en galego do XIX que amosa vontade de participar no proceso de normalización da escrita culta na nosa lingua".
Ningún comentario:
Publicar un comentario