Os libros de Cantares Gallegos e Follas Novas, de Rosalía de Castro son uns dos máis reeditados en Galicia, pero o certo é que alá polo 1880, cando se publicou por primeira vez Follas Novas, Rosalía era unha muller melancólica, semella no prólogo que abatida polas circunstancias da vida, e mesmo crítica de máis coa súa propia obra: “Gardados estaban, ben podo dicir que para sempre, estes versos, e xustamente condenados pola súa propia índole á eterna olvidanza, cando [...] vellos compromisos obrigáronme a xuritalos [...] ordenalos e dalos á estampa. Non era esto, en verdade, o que eu quería, mais non houbo outro remedio[...] ¡Vaian en boahora estes probes enxendros da miña tristura”.
O fragmento pertence ao prólogo de Follas Novas, que a autora editou a instancias do editor Juan Compañel. Non imaxinaba ela a repercusión social da súa obra e a súa figura. Dende 1885 –data do pasamento da poetisa– a 2010 pasaron 125 anos e a muller que escribía “enxendros da súa tristura” pasou a ser todo un símbolo da sociedade galega.
Rosalía foi asimilada pola sociedade “en tres fases”, afirma o dirixente nacionalista Francisco Rodríguez, que afondou en diversos estudos na figura da autora. Nun primeiro momento, na época da Restauración borbónica, os dirixentes consideraron oportuno obviar totalmente a figura da autora, pois “ter iso sen control era perigoso, ao ser un símbolo combativo podía poñer o pobo en oposición ao réxime”. Daquela, os prenacionalistas reclaman unha homenaxe pública e masiva. En resposta a isto lévase a cabo o traslado dos seus restos a San Domingos de Bonaval. Porén, isto faino xente da burguesía e a Igrexa que en realidade non vían con bos ollos a súa obra. Así, nas castes máis progresistas e culturais, a homenaxe non se asume “válida nin oficial”.
Alá polo 1916 aparecen as Irmandades da Fala e o nacionalismo. Ante as insistentes demandas do monumento para a autora, o goberno central decide financialo. Isto levantou fortes protestas no sector nacionalista e republicano polo que consideraban unha “manipulación da figura de Rosalía”, e de aí que non asistisen ao acto e decidisen facerlle unha velada de homenaxe no Teatro Principal. Ata aquí a primeira etapa, segundo Francisco Rodríguez.
Logo chega o momento en que se empeza a falar dela como unha autora marxinal, aínda que recoñecida, á que irmandan con Bécquer. Azorín defínea como “romántica rezagada”. Así, lábrase unha imaxe dela que nada ten que ver coa realidade: a da “chorona”. Posteriormente e xa na terceira etapa, a xeración de Castelao non consegue recuperar a outra imaxe de Rosalía, “combativa e política”, en boa parte porque a imaxe oficial puido máis ca os restos da tradición no que foi “unha operación do Estado español centralista”.
Na actualidade, afirma Rodríguez que “a imaxe de Rosalía segue a estar deturpada”. Ao fío disto o nacionalista engade que “mesmo na Universidade de Santiago ata o 2000 díxose un dislate de descalificacións, chorradas e mentiras sobre Rosalía”.
A ROSALÍA MONROE DE REI ZENTOLO
Porén, cunha imaxe deturpada ou non, Rosalía converteuse en toda unha marca. Así, pasamos da “chorona” á “Rosalía Monroe”. Quen non ten na retina a imaxe da famosa camiseta co retrato da poeta? Dende Rei Zentolo, a empresa que a comercializa, afirman que a idea xurdiu porque Rosalía é moi semellante á Marilyn Monroe de Andy Warhol no senso de que ten unha significación moi grande dentro da cultura galega, como a tiña Marilyn na americana.
Puxérona á venda no 2004 e afirman que “tivo moito éxito, comercializouse moi ben”. De feito, houbo varias reedicións, e dende Rei Zentolo engaden que “nunhas a poeta sae máis sexi e noutras menos sexi”. O certo é que resulta un pouco estraño falar de Rosalía de Castro nestes termos, se cadra é outra etapa na súa consideración social. En todo caso, tal foi o éxito da Rosalía Monroe e tivo tanta repercusión que a tiveron que sacar de catálogo, polo menos “de momento”, afirman.
Chama a atención, porén, que outra marca xenuinamente galega, como é Sargadelos, non aproveitase máis a imaxe da poetisa para as súas creacións. De feito, só fixo tres figuras: unha xerra coa cara dela alá polo 1970, unha figuriña de cativas dimensións que pertence á colección Alba de Groria a mediados dos 90 e a derradeira, levada a cabo por Xosé Vizoso, o deseñador da empresa, co gallo deste 125 cabodano da súa morte. A figura, duns trinta centímetros, leva un ramo de flores na man e na outra o libro de Follas Novas.
ROSALÍA NA RÚA, NON NAS TESES
Sempre foi unha autora moi considerada nas clases populares e menos nas elites, e por desgraza non parece unha tendencia que vaia cambiar a xulgar polo feito de que só hai oito teses e tesiñas sobre a autora. Seis en Compostela, unha en Vigo e unha na Coruña. En contraposición a isto está o feito de que todos os concellos de Galicia teñen algunha rúa, parque, praza, avenida, biblioteca –mesmo hai unha en Pozuelo de Alarcón, en Madrid– ou centro cultural que leve o nome da poetisa. En vista disto agardemos que o seu legado cultural non quede unicamente no asfalto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario