Seica cando o Concello de Melide decidiu pórlle o nome de Xosé Vázquez Pintor á biblioteca municipal da vila -un recoñecemento xusto, lóxico e natural-, unha representante da oposición dirixiu de inmediato un escrito á alcaldesa, dona Socorro Cea, preguntando polos méritos da persoa en cuestión, talmente como se o ilustre escritor melidense -40 anos de carreira literaria balizada con prestixiosos premios- fose un descoñecido. Dicía un pedagogo estadounidense que a enfermidade do ignorante é ignorar a súa propia ignorancia e acrecentaba o escritor inglés William Hazlitt que os prexuízos son fillos da ignorancia. ¿Pode unha persoa medianamente culta en Galicia descoñecer os méritos e a obra literaria e cultural dun escritor da talla de Xosé Vázquez Pintor? Cousas veremos. Mais se ese descoñecemento se produce no ámbito local, na propia vila de nacemento do autor, e por parte dunha persoa que representa os veciños, a cousa, ademais de triste e penosa, é preocupante. ¿Estaremos diante dun caso de ignorancia voluntaria ou involuntaria? A verdade é que os casos de ignorancia, por desgraza, son frecuentes e aquela pregunta que se facía Ortega -"¿por que ao home lle doe a súa ignorancia?"- non é tema que preocupe moito hoxe, pois é ben doado vermos ignorantes que non acusan dor ningunha, nin reparo ningún polo seu estado, pois ben satisfeitos se exhiben. O outro día un locutor dunha desas novas televisións extremadamente politizadas cara á extrema dereita dicía que o idioma galego en realidade non existía, e que o único que pervivía, de pervivir algo, eran unhas exiguas falas arcaicas e rurais. E o ignorante, despois da tal perorata, ficaba incólume, a debuxar un sorriso de idiocia nos beizos, puro lucimento máximo de descoñecemento. Nada hai no mundo máis perigoso, dicía Martin Luther King, que a ignorancia sincera e a estupidez autente. Xulguen vostedes a frase. A ignorancia, e particularmente a ignorancia cultural, vive hoxe particulares momentos de esplendor. ¿A burricie ao poder? Niso anda..
Ningún comentario:
Publicar un comentario