Hai dous tipos principais de axudas da Xunta aos medios de comunicación. A máis importante, e oscura, son os convenios. Trátase de acordos bilaterais entre cada consellería e certas editoriais.
Non hai convocatoria nin concurso público, os cartos flúen en función do criterio do mandatario de turno. Só nesta lexislatura xa se levan entregado a dedo máis de 2,4 millóns de euros por esta vía.
As axudas públicas e con concorrencia son as convocadas no DOG. Este venres remata o prazo para presentarse a aquelas destinadas especificamente para publicacións 100% en galego. O seu importe máximo é de só 63.566 euros.
Certo é que na convocatoria xa se advirte que o importe das subvencións pode ser ampliado. Así se fixo na última lexislatura do bipartito, cando pasou de 71.000 euros até os 900.000 euros.
Ante os recortes do Executivo conservador na promoción do idioma, está por ver até que punto os conservadores abren ou non a billa destas subvencións, pois a práctica totalidade dos medios 100% en galego que subsisten (A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe, Tempos Novos etc.) manteñen liñas editorias críticas co Goberno Feijóo.
Todos eles son membros da Asociación de Medios Escritos en Galego, patronal presidida por Xavier Cea, subdirector do Galicia Hoxe, quen xa lle lembrou ao goberno que “os medios en galego somos un factor fundamental da normalización da lingua, polo que é normal que precisemos protección". Vieiros, un dos medios promotores desta patronal, desapareceu este verán por mor da crise económica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario