Poderíamos falar de perigosa “regra de tres” á afirmación do presidente do goberno galego cando fala referíndose á Real Academia Galega como institución pouco útil se é o brazo dunha ideoloxía. E falo de perigosa, porque ese concepto sería perfectamente aplicable a determinadas actuacións do executivo galego, que poden vir viciadas polo erro de crer, de xeito irrefutable, que representan a ese falso concepto chamado “maioría silenciosa”.
Do mesmo xeito que afirmabamos hai uns días que Feijoo é un político de capacidade moi por riba da media do que se ve na política galega, o xusto é denunciar que neste caso erra estratexicamente ao criticar a unha institución autónoma como é a Real Academia, que ten todo o dereito a non compartir os postulados do presidente galego e, no seu caso, denunciar un decreto sobre a lingua galega que non considera axustado á legalidade vixente.
O camiño debera ser que esa proposta que o titular de San Caetano afirma estar encima da mesa do chamado pacto “polo galego” deixase de ser unhas etéreas verbas baleiras e se concretase en necesarias realidades.
Se algúns pensan que o “pensamento único” debe ser o “único dos pensamentos”, atoparanse enfronte institucións como a que garante e vela polas nosas letras, ás que os seus membros non teñen pinta de tremerlle o pulso, ante presións pouco xustificadas.
Probablemente, o presidente da Real Academia chegase moito máis lonxe na súa denuncia contra o decreto que esta Xunta promove, e que tantos sectores sociais están soldando na súa contra, mais a moderación e espírito de consenso que precisa o cargo, fai que Ferrín, que non é precisamente un calquera das nosas letras, exerza de equilibrista sobre unha corda á que algúns queren pringar de escorregadizo aceite.
O bilingüismo cordial protéxese tamén exercendo en liberdade –esa famosa liberdade da que tanto falan os promotores do monolingüismo– a defensa e promoción do idioma galego, dende responsables e racionais teses académicas, por riba do interese partidario.
Teño a plena certeza de que así o fai a institución presidida por Méndez Ferrín, mais en ocasións, e lamentándoo moito, non o teño tan claro, no caso de Núñez Feijóo... Ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario