Señor Presidente: En anterior carta xa lle dicía que non había ser aquela a única que lle tería que escribir, así que aquí andamos outra vez e non porque eu o desexe, senón que acabo de ler as súas declaracións verbo do feito de que a RAG presentase un recurso en contra do chamado Decreto de Plurilingüismo.
Abráiase de que se teña producido tal recurso e recrimina o feito. Señor Feijóo, non cre vostede que calquera galego, se considera que nese decreto hai elementos de ilegalidade, o que debe facer é poñer os medios para que se impida a súa posta en funcionamento? Eu confiaba en que vostede actuara así sempre que osme que algo vai en contra das leis, pero polo visto non hai tal, e cre que se deben pasar por alto certas falcatruadas. Por que? Porque as fai vostede e non outro? Di vostede que a RAG non recorreu os decretos de Fraga, pois se neles advertiu algunha materia de ilegalidade e non actuou, mal feito.
Ademais, por que lle parece mal que os tribunais digan se o que decretou é conforme á lei ou non? Non quererá dicir que sabe que o Decreto ten cousas que non son totalmente acaíadas ao dereito? Se é así iso chámase prevaricación, ben o sabe. E se non é así pois estea tranquilo que non haberá lixo.
Tamén deduzo que non lle gusta o presidente da RAG (como tal presidente quero dicir, que lle supoño respecto para as persoas), pero aí teño que lle lembrar que foi democraticamente elixido polos académicos, que son os que teñen que facer tal cousa. Elixírono a maioría deles (como a vostede o elixiron case a maioría dos galegos), e agora o señor Méndez Ferrín é o presidente da Academia con plena lexitimidade e legalidade.
Tan é así que até aqueles que escribían artigos denigratorios para el como candidato a presidente, agora, en raposeira manobra, prémiano e gábano. O cinismo non lle ten cancelas!
Afirma que os seus compromisos electorais están por enriba das institucións. Teña coidado coa soberbia, que pode botalo a perder a vostede. As institucións públicas, señor Feijóo, pódense mudar e, mesmo, suprimir sempre que se faga por medios democráticos, pero están por enriba de calquera de nós mentres existan, do contrario isto sería a casa de tócame Roque.
Pero, no tocante á Academia, a súa soberbia é un pinchacarneiro inútil: vostede pasará, ninguén o lembrará e a RAG seguirá aí, farturenta ou en precario, mais prevalecerá. Xa sobreviviu a outros máis bravos ca vostede.
Eu ben sei que di estas cousas porque despreza a todos cantos non o votamos. Nunca quixo ser presidente dos galegos, só quería e quere dar satisfacción aos que o votaron. E nin sequera a todos, porque tamén despreza a cantos non comparten ese compromiso que adquiriu, vostede saberá con quen, de baleirar Galicia de calquera signo de identidade diferenciada que puidese haber.
A súa disposición a converter Galicia nunha “región de España” coma outra calquera (e digo isto sen menosprezo ningún para as comunidades autónomas que veñen definidas como tales rexións) e a iso é ao que lle mete máis dedicación de todo canto fai.
A lingua é o máis claro e querido signo de identidade diferenciada de Galicia, ben que o sabe, e a Academia ten que protexelo de calquera acción que poña en perigo a súa supervivencia e neste caso o perigo vén de vostede e do seu goberno. Non presentar o recurso sería unha grave irresponsabilidade por parte da RAG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario