Os movementos pedagóxicos Nova Escola e Asociación Sociopedagóxica, os sindicatos de ensino STEG e CIG e a Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia (UCETAG) manterán o vindeiro setembro un encontro para poñer en marcha un novo proxecto educativo de "ensino en galego, laico e de calidade".
O impulsor desta iniciativa é Galiza co Galego, unha entidade que pretende poñer en marcha unha rede de ensino en galego que comezaría por recuperar o espirito das antigas galescolas, con escolas infantís en galego. Sen embargo, o proxecto vai máis alá e o obxectivo pasa por trasladar o modelo de ensino en galego tamén á ensinanza primaria e secundaria.
Proxecto "aberto"
O pasado 28 de xullo a Comisión Galiza co Galego mantivo unha xuntanza coa UCETAG, que manifestou o seu apoio, asesoramento e axuda aos novos proxectos cooperativos de ensino. Os impulsores deste colectivo sinalan que "está aberto a todos os colectivos e organizacións que estean dispostos a realizar un ensino en galego, laico e de calidade".
Esta iniciativa púxose en marcha a principios de ano, logo de que o Goberno de Feijóo anunciara o novo decreto do ensino en galego que, finalmente, foi aprobado o pasado 20 de maio polo Consello da Xunta.
Con todo, dentro do nacionalismo, e tal e como conta o blog renovarobng, iniciouse un debate sobre a conveniencia e viabilidade dun proxecto destas características logo da publicación dun artigo de Robert Neal Baxter en Terra e Tempo,o órgano de comunicación da UPG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario