Como nos tempos do servizo militar obrigatorio, palabras como insubmisión ou obxección de conciencia poden regresar á actualidade pero neste caso nos centros de ensino, que neste curso que está a piques de arrincar terán que comezar a aplicar o discutido decreto das linguas no ensino da Xunta do PP, que segundo unha multitude de sindicatos, organizacións políticas e asociacións de pais ou culturais supón unha rebaixa na presenza do galego nas aulas. Así, son moitos os profesores que están dispostos a rexeitar de forma activa dende o seu posto de traballo esta norma e que xa anunciaron –constituíndo incluso grupos de traballo para elo– que pensan seguir impartindo as súas aulas en galego malia que se trate de materias como as matemáticas, nas que a Xunta impón o castelán. O cálculo dalgúns dos sindicatos do ensino fala de arredor de 3.000 mestres dispostos a rebelarse contra a aplicación dun decreto que xa provocou ata cinco grandes manifestacións en contra.
A pesar da dificultade de facer unhas contas, dende dous dos principais sindicatos do ensino en Galicia –CIG e STEG– achegan unha aproximación do número de profesores que teñen a intención de manterse firmes na difusión escolar do galego. “Temos informacións que falan de milleiros, un tanto por cento significativo dentro dos 35.000 que hai na pública”, afirma Xosé Cabido, de STEG. Pola súa parte, Anxo Louzao, da CIG, incluso ofrece datos máis concretos, sempre dende a prudencia. “Nós contamos cun documento asinado co compromiso de manter o uso da nosa lingua de case 4.500 profesores”, apunta. Tendo en conta que unha boa parte destes mestres impartirán ao final aulas que o decreto prevé en galego e tomando en conta as previsións doutras fontes consultadas, poderían ser arredor de 3.000 os profesores dispostos a bordear a norma do PP en defensa do galego.
“É unha cuestión de dignidade e compromiso. Sabedores de que o decreto da Xunta fará imposible en moitos lugares que os alumnos adquiran competencia en galego poñerán todo da súa parte para evitalo”, comenta Cabido. Pola súa parte, Louzao engade razóns tamén de lóxica e incluso sentimentais. “Hai profesores que levan impartindo as súas clases en galego dende os tempos do franquismo e non van a parar agora, porque ademais teñen todo o dereito legal a facelo”, asegura.
O secretario xeral da CIG-Ensino refírese ao decreto da Xunta como un texto “que nace morto, tanto polo inaceptable dos seus termos como pola imposibilidade de aplicalo. Trátase dun disparate baseado no odio ao galego e que vai xerar resistencia. Non podemos ceder xa que nin sequera os anteriores decretos se cumpriron. Agora non podemos permitir que baixe a presenza da lingua propia do país, que nin sequera alcanzou nunca o cincuenta por cento do ensino”.
Sobre a mesa está a posibilidade de que a Xunta abra expedientes ou incluso despida aos profesores insubmisos. “As represalias serían un elemento de conflito contra o que habería fortes protestas”, di Louzao. Cabido afirma que esas sancións “serían unha irresponsabilidade”. “Non creo que castiguen a un galego por ensinar en galego, resulta impensable se ben pode haber problemas se o PP ve que esas sancións benefícianlle a nivel electoral na súa loita pola Moncloa ou protestan nos centros algúns pais galegófobos”, puntualiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario