Xosé Manuel Pereiro no seu blogue:
Unha vez, en New York, leváronme a un restaurante de Little Italy do que se dicía que era da Mafia, ou que o frecuentaran ou frecuentaban mafiosos. A verdade é que, estreito, coas mesas de formica e o piso de baldosa hidráulica, o que me recordaba era aos bares de cando era rapaz, e o feito de que os camareiros fosen distantes e despegados, aos que coñecín cando era estudante, en Compostela ou Madrid. Pero o caso é que aquela sona de lugar criptomafioso de seguro que non lle viña mal desde o punto de vista do negocio. É que das desgrazas e da cara negativa da existencia sempre se pode sacar algo positivo, como comproban os programadores de reality shows e o propietario daquela atracción festeira ao que se lle quedaron uns clientes papo abaixo durante media hora na Coruña, e cando reiniciou o seu periplo, foi atopando clientes que lle pedían que os deixase pendurados dos pés, para ver que se sentía. Tamén houbo xente, de mariñeiros a promotores inmobiliarios, que sacaron rendibilidade da catástrofe do Prestige. Así que, por que non tentar tirarlle algo de proveito á lacra dos incendios forestais?
Non propoño prender lumes, claro, pero xa que pasan… Deume a idea o conselleiro do ramo, cando argumentou que non se podía indemnizar aos prexudicados polos incendios, non vaia ser que se beneficiase algúns propietarios que os provocaron (nunha estratexia que me recorda a aquela de Arnaud Amaury, o xefe dos exércitos do Papa na cruzada contra os cátaros, que na toma da vila de Béziers, ante a imposibilidade de distinguir aos católicos dos herexes, ordenou aos soldados: “Matádeos a todos, Deus escollerá aos seus”). A incidencia do lume nos nosos montes é un fenómeno inexplicable e inexplicado, e polo tanto, susceptible de atraer a atención dos masas, como ben sabe Iker Jiménez. Polo iso poderíanse argallar unhas viaxes organizadas (con ou sen demostración comercial sen compromiso) aos escenarios onde teñen lugar eses poltergeists. Alí, en lugar de marear aos interesados con explicacións económicas ou sociolóxicas de probables causas e posibles remedios, habería que centrar a súa atención, exactamente o mesmo que fan as autoridades, sobre os posibles autores. “Cualquier de esas gentes que ustedes ven, de apariencia apacible y normal, podía ser uno de esos psicópatas desalmados que, aprovechando la soledad de esos frondosos bosques de eucaliptos, les prenden fuego impunemente”, diría a/o guía polo micro do bus aos expedicionarios, estarrecidos de pracenteiro horror. “¡Ese de ahí, el sesentón de la boina, fíjense, se ajusta perfectamente al perfil del pirómano! Tranquilo, perfectamente integrado en el entorno, vean como escruta hábilmente todo lo que pasa a su alrededor”, escoitarán os viaxeiros, sentíndose confortablemente seguros tras dos vidros reforzados do vehículo, no que se lle proxectarán a maiores películas como La ley del silencio ou Salvatore Giuliano, ou calquera que reflicta unha desas realidades ou situacións, urbanas o rurais, pero opresivas e pechadas.
O único é que habería que convencer aos turistas de incendios forestais de que baixaran en algures e foran consumindo algo, para que o negocio revertera de algunha forma na economía local. Ou tampouco pasa nada, que as administracións están firmemente decididas a apoiar as empresas, sexan de aquí ou de aló.
Ningún comentario:
Publicar un comentario