1 de set. de 2010

Non queremos a Galicia

Escribe Rafael Cuiña sobre os incendios e o pouco amor que profesamos á nosa terra. Escribe con xeito e con sentido declarando verdades ante o que estamos a vivir este verán... a pega é que el pertence a un partido político que gobernou case sen interrupción durante 30 anos no noso país e nada fixo por mellorar a situación. Polo que soa un pouco en falso.
No Xornal:

Se analizamos en termos de actividade política do período estival que remata, un pode chegar a pensar que vive instalado na placidez de ser cidadán dunha superpotencia, á que os vaivéns do seu entorno globalizado está lonxe de afectar.

A Galicia de temperatura “andalusí” do verán Xacobeo, conseguiu desconectar dos problemas sociais que se albiscan no outono difícil que todos os indicadores apuntan. Un verán no que quedou claro unha vez máis, o pouco compromiso de importantes sectores de poboación cun patrimonio fundamental como son os nosos montes, arrasados pola acción de seres cun alto grado de oligofrenia existencial, que teñen no lume unha vía de escape que oculte a súa limitación neuronal.

Unha Galicia na que a súa flora autóctona vai desaparecendo en favor do eucalipto, árbore que simboliza unha “cultura do pelotazo” ecolóxica, na que o rendemento económico a curto prazo, condena o patrimonio de valor incalculable que é a terra para décadas e décadas, polo furibundo desarrollismo. A escasa limpeza dos nosos montes, pola inacción ou omisión dos nosos políticos das diferentes administracións, provocan traxedias persoais en forma de vidas perdidas a pesares da “óptima” xestión da cuestión –apliquen o ironic mode–, ademais dun dano medioambiental, que non chegarán a ver reparado nin os nosos fillos.

E pregúntome se realmente ao galego medio impórtalle a súa terra, vendo a desfeita feita nunha realidade xeográfica sementada de galpóns sen sentido, de ríos con minicentrais que provocan vergoña, e montes arrasados que semellan choran co fume do día seguinte, pola falla de conciencia dun ser humano ao que mira con arrepío ata as propias bestas. Iso si, á hora de enchentas gastronómicas, festas de todo tipo, e celebracións varias, todos rematamos cantando o “miudiño”, como himno dunha solemnidade galaica que en ocasións entristece polo seu primitivismo mal entendido.

Desculpen vostedes que hoxe estea un tan negativo, mais hai días que observando o que pasa, e sobre todo o que non pasa e tiña que pasar, a decepción encha estas liñas, que non son máis que reflexo de amor non correspondido, de unha inxente masa de galegos que sofren por ver como a irresponsabilidade de cada vez máis individuos, vai camiño de arruinar un entorno que queremos para os nosos fillos, e que están a destruír os seus pais. Ou non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario