"O BNG mostrou a súa cara máis intolerante e irrespetuosa". Así respondeu o PPdeG, a través do seu portavoz de Educación, Román Rodríguez, á proposición nacionalista formulada o martes para que o Goberno cambie o decreto do plurilingüismo para fomentar o uso do galego nas materias científicas e tecnolóxicas, e en cuxa presentación recordaron que os profesores que decidan dar a súa clase neste idioma "non estarán sos".
Rodríguez, que considerou o discurso dos portavoces de Educación e Política Lingüística do BNG, Carme Adán e Bieito Lobeira, como un chamamento "á rebelión", lamentou que a formación nacionalista volvese estar dirixida "de forma radical" pola UPG, o que, dixo, serve para "acrecentar o seu divorcio" coa cidadanía.O portavoz de Educación do PPdeG considera "inaudito" que unha forza política faga un chamamento "ao inclumpliento dunha norma aprobada por un Goberno democrático". "Parece que o BNG non respecta as decisións dos cidadáns e confunde a súa particular visión ideolóxica coa realidade", afirmou.
Sobre a posibilidade de que parte do profesorado imparta as súas clases en galego desatendendo o decreto, Rodríguez recordou que "teñen dereitos e obrigacións" e criticou que os nacionalistas intenten "manipular" tamén aos estudantes.
Adán e Lobeira criticaran este martes unha vez máis que o decreto elaborado polo Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo estableza a obrigatoriedade de que no ensino primario se impartan en castelán as Matemáticas, materia á que se unen a Tecnoloxía e a Física e Química na etapa da secundaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario