2 de set. de 2010

‘A Nosa Terra’ vincula a súa crise á “política contra o galego do PP”

Alfonso Eiré:

O semanario A Nosa Terra, cabeceira decana da prensa en galego, non estará hoxe nos quioscos logo de que a empresa editora entrase en concurso de acredores e renunciara ao veterano proxecto en papel, manténdose activo o diario dixital. O presidente d’A Nosa Terra, o xornalista e escritor Alfonso Eiré, vincula a crise que está a vivir a súa empresa –que tamén inclúe unha editorial– coa “política da Xunta en contra do galego”. Nos últimos meses, desapareceron varios medios en lingua propia, como Vieiros, Chuza ou A Peneira.

“A Xunta acaba de rebaixar ao mínimo as axudasá prensa en galego. O ano anterior, nós recibimos uns 55.000 euros, practicamente o mesmo que reparten agora para todos, que son só 63.000 euros”, explica Eiré. En tempos do goberno bipartito e segundo o apoio á existencia de medios en lingua propia que marca a Lei de Normalización, as axudas chegaron a ser de 900.000 euros. Non obstante, na actualidade, esas bolsas sufriron un brutal recorte, que porén non afecta a outros medios afíns á Xunta e en castelán, como La Voz de Galicia, que recibe semanalmente da Xunta máis do dobre do que se reparte a todos os medios en galego ao ano.

Precisamente, o apoio recibido por parte do mundo do xornalismo, así como doutro tipo de persoas vencelladas ao eido cultural ou político era onte a mellor mediciña para Eiré, que destaca que “A Nosa Terra xa pasou por dificultades noutras ocasións e saíu adiante; oxalá volva ocorrer e esta situación sirva de revulsivo”, afirma antes de queixarse do “escaso apoio” recibido nesta crise por parte das caixas galegas: “Investiron máis en ladrillo que en cultura e agora non podemos renegociar a débeda con elas”.

Pero sen dúbida é a política lingüística que impulsa o PP dende o goberno galego o que máis lle preocupa ao veterano xornalista. “O decreto tamén vai contra nós e contra toda a base do noso idioma a calquera nivel; por exemplo, antes había as galescolas e alí usaban o galego e, polo tanto, tamén o noso material en lingua propia. Pero, na actualidade, como fixeron desaparecer o galego das escolas dos rapaces, xa non teñen sentido nin uso os libros para nenos que editaba con esforzo A Nosa Terra, algúns de tanto éxito como os d’Os Bolechas”, relata. “O peor é que na Xunta saben dos nosos problemas, pero nin tiveron o decoro de chamarnos, semella que están contentos”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario