2 de set. de 2010

Educación insta os docentes para "aplicar" o decreto do plurilingüismo "do mesmo modo" que a norma anterior

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal, esixiulles aos docentes galegos que executen a "legalidade vixente" e apliquen "o novo decreto do plurilingüismo".


"Hai que facer un exercicio de responsabilidade e cumprir con esta normativa do mesmo modo que o curso pasado se cumpriu coa que estaba en vixencia, a pesar de non estar de acordo con ela," indicou Pinal con alusión á norma impulsada pola Xunta do bipartito.


Nunha entrevista no programa 'Bos días' da Televisión de Galicia,o director xeral tamén recordou, en relación co inicio do curso de infantil e primaria o día 10 de setembro e de secundaria, o 17, que o alumnado "sempre será escolarizado e atendido sen que existan problemas" na matriculación.


Ademais, asegurou que "grazas ás axudas da consellería, o inicio do curso escolar en Galicia é un 30 por cento máis económico que no resto de España".


Así, Pinal destacou que o programa de 'Gratuidade Solidaria' -destinado a axudas para libros nalgúns cursos de primaria e educación especial-, se axilizou "este ano e as familias" xa recibiron os vales para comprar libros" no mes de xuño. Ao respecto, sinalou que este martes "xa se deu a orde de pagamento ás librarías por valor dun millón e medio de euros".


De igual modo, o director xeral indicou que "os pais xa poden ir aos centros escolares para solicitar as axudas" para os manuais de matemáticas, tecnoloxía e física e química, que cambian de idioma debido á implantación do decreto do plurilingüismo. As subvencións dirixidas a 3 e 4 de primaria irán "dende os 15 aos 25 euros", mentres que no caso de secundaria o importe oscilará entre "17 e 30 euros".

Ningún comentario:

Publicar un comentario