9 de dec. de 2010

Informe Pisa



CIG-ENSINO
Os resultados do Informe Pisa en que o alumnado galego supera a media española, reférense ao momento en que as materias científico-técnicas se impartían en galego, contradecindo os argumentos usados pola Consellaría contra a nosa lingua
Sendo os criterios deste sistema de avaliación da OCDE cuestionables polo seu uniformismo, economicismo e reduccionismo
A CIG-Ensino lémbralle á Consellaría de Educación que os resultados do Informe Pisa, que tan positivamente avaliaron nos medios de comunicación, reférense ao momento en que aínda estaba en vigor o Decreto 124/2007 (abril e maio de 2009) e, por tanto, avalían a aprendizaxe das matemáticas e as ciencias no noso idioma.
Informe PISA

A CIG-Ensino considera que o informe Pisa non pode ser o único método de avaliación do sistema educativo galego, pois este informe feito pola OCDE con criterios fundamentalmente uniformizadores, non ten en conta o contexto en que se realiza a avaliación e trata por igual a estados e territorios con notábeis diferenzas en materia educativa.

Os resultados que recolle este informe sitúan a Galicia por riba da media española en comprensión lectora, competencia matemática e científica. No caso da comprensión lectora recóllese que Galicia está por riba da media de Reino Unido, Alemaña e España, entre outros estados. No caso da competencia matemática este informe sitúa a Galicia por riba de Suecia, Francia, Austria, Estados Unidos ou España. Para a CIG-Ensino o relevante destes datos é que o informe contradí os argumentos usados interesadamente contra a nosa lingua, pois como se pode comprobar estudar as matemáticas e as ciencias en galego non foi un obstáculo para o alumnado que colleitou uns resultados importantes, especialmente en competencia científica, ámbito en que o coñecemento do medio e as ciencias naturais veñen sendo impartidas no noso idioma desde o ano 1995.

Algo terá que ver o bon facer do profesorado galego, malia a que a inversión en educación na Galiza está moi lonxe do que dedica a OCDE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario