22 de dec. de 2010

O Concello do Carballiño consigue que se fale do Apalpador fóra do país


A televisión nacional, TVE, realizará un programa sobre a recuperación da figura do Apalpador no Carballiño.


A idea do departamento de Normalización Lingüística do concello do Carballiño, integrada dentro da concellaría de Cultura, de recuperar a figura do Nadal do Apalpador, espertou interese fóra das fronteiras autonómicas. Así o programa Xente de TVE, acudirá á vila carballiñesa o próximo 23 de decembro, para realizar unha gravación sobre este personaxe, que aos poucos empeza a ser unha figura típica do Nadal galego, sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo.


O Apalpador estará o citado día 23 no local de Familias Madrugadoras, e ofrecerá aos nenos os tradicionais froitos secos, á vez que lles contará a súa historia e como é necesario comer ben e san para recibir agasallos na noite do 24 de decembro.


Para asunción Rivero, edil de Cultura “este tipo de actuacións, como son as de recuperar imaxes típicas de Galicia, contarán sempre co apoio da concellaría que dirixo, xa que cremos que, sen apartar as actuais tradicións, debemos apostar sempre polo noso, como xa fixemos con festas como o Samaín, ou as tradicionais Regueifas”.


A figura do Apalpador visitará novamente a vila carballiñesa o día 24 de decembro, como manda a tradición, para que todos os nenos da vila poidan coñecerlle e recibir algún dos seus agasallos.


(nova tirada da web do noso concello)

Ningún comentario:

Publicar un comentario