9 ene. 2011

Aldeas de fin de semana (Galicia Hoxe)


Aldeas de fin de semana
Pequenos núcleos como Froxán ou Seceda, no Courel, que foron declaradas Ben de Interese Cultural, convertéronse en refuxios para urbanitas e amantes da natureza
Tradicións como a pisa da castaña mantéñense vivas na aldea de Froxán, no Courel



Cada vez son máis as aldeas gale­gas que se quedan baleiras, conver­tidas en núcleos pantasma. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) son xa máis de 1.300. E é que cada vez resulta máis difícil manter a vida nesas pequenas aldeas repartidas pola xeografía da comunidade galega.

O paraíso verde da serra lu­cense do Courel é un deses lugares que está quedando sen xente e moitos dos seus núcleos baleiros. De non variar a súa tendencia demográfica moi pronto será un páramo humano. Nun munici­pio que esmorece no ámbito social e poboacional localízanse dous pequenos núcleos: Froxán e Seceda que tratan de romper moldes e cambiar esa ameaza­dora dinámica regresiva.

Estas aldeas, rehabilitadas ó amparo do plan Leader do Courel, foron declaradas pola Xunta, hai case catro anos, Ben de Interese Cultural (BIC). A xustificación para outorgarlle a cat­egoría de monumento etnográfico radica en que representan un sin­gular exemplo do mantemento da vida tradicional no rural galego, nun excepcional contor­no natural.

Hoxe estas dúas aldeas, sobre to­do Froxán, son unha especie de re­fuxio para urbanitas, amantes da natureza e para algún que outro bohemio. E nelas conviven os nativos do Courel con estes novos veciños de fin de semana e de épocas vacacionais.

Vitorino, un compostelán namorado do Courel e da vida rural, que tra­balla e reside en Santiago, adquiriu, hai 15 anos, unha casa neste nú­cleo rural. "Paguei por ela un millón de pesetas de entón e xa rompín moldes de prezos á alza", comenta. Engade que "hoxe os prezos triplicáronse e un sequeiro cotízase ao redor dos 6.000 euros e unha casa en ruínas para rehabili­tar sobre uns 18.000 euros".

Vitorino utiliza esta segunda residencia as fins de semana, pontes e en épocas vacacionais. Na súa mesma situación, segundo si­nala, hai unha decena de persoas en Froxán. É xente de cidade que comprou unha pequena casa na aldea para escapar do cemento e dos coches a este paraí­so verde, fóra do tempo.

Pese ó novo valor de reliquia etnográfica destas aldeas, que propiciou eses asentamen­tos, algo máis de actividade social en datas sinaladas e un certo movemento no mercado inmo­biliario, a realidade é que se están apagando pola falta de perspec­tivas de futuro para os nativos. Os que hoxe viven nelas non che­gan a medio centenar, segundo os últimos rexistros do INE.

Para que se manteñan eses modos de vida tradicional que lles valeu a categoría de BIC ten que haber xente e cada vez hai menos no Courel.



Vitorino: "Teñen que declaralo Parque Natural"

En opinión de Vitorino, defen­sor sen concesións dos valores da serra courelá, a solución pasa "por que o declaren Parque Natu­ral, aí está o exemplo asturiano de Somiedo. Aquí a agricultura e a gandería teñen que estar sub­vencionadas, pois senón desa­parecerán. Son necesarios fondos económicos como os que reciben estes parques", afirma rotundo este compostelán.

En opinión de Vi­torino "os que vivimos en Froxán creo que estamos bastante inte­grados na vida da aldea, eu polo menos relaciónome con todo o mundo e adoito acudir á casa de veciños amigos a charlar ou to­mar un viño, isto é algo que me parece fundamental para a vida da comunidade".

Esta situación non se dá en igual medida en Seceda, unha aldea de conto, cunha arquitectura tra­dicional que foi rehabilitada respectando a súa estética tradicio­nal. Aquí, a decena de urbanitas asentados, que adquiriron unha casa como residencia estacional, acoden de forma máis esporádica e van máis ó seu aire, segundo reco­ñece un veciño asentado no lugar.



TRADICIÓN Un modo de vida "medieval"

Segundo o de­creto emitido no seu día pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, estas dúas aldeas das terras montañosas do Courel representan un singular e destacado exemplo de vida tradi­cional, de forma que a dureza do clima e a topografía do terreo, o seu illamento secular e a súa pobre­za económica, que contrasta coa súa riqueza natural e paisaxística, permitiron o mantemento de modos de vida tradicional que, en moitos casos, proceden de tem­pos medievais.

Arquitectura e construcció­ns populares, tradicións -como a pisa da castaña-, paisaxes e costumes son os elementos xe­nuínos e distintivos de Froxán e Seceda que se mantiveron in­alterables desde hai séculos e que serviron para outorgarlles a estas aldeas esa categoría de Ben Cultural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario