18 de xan. de 2011

Galiza quere ver a tv portuguesa

Galicia quere ver a televisión portuguesa
O BNG, co apoio da Esquerda lusa, busca a reintegración lingüística

O BNG instou o Goberno galego para adoptar as medidas necesarias que posibiliten a recepción do sinal de radiotelevisión portuguesa en Galicia a través de TDT, co fin de avanzar cara á "reintegración lingüística" no mundo galego-portugués como factor "normalizador" do galego.

Así o sinalou en roda de prensa o deputado do BNG Bieito Lobeira, acompañado da voceira parlamentaria do Bloco de Esquerdas de Portugal, Catarina Martin, os que avanzaron que a Cámara portuguesa abordará unha iniciativa similar durante o mes de febreiro.

Lobeira transmitiu a "honra" de participar "conxuntamente" co Bloco de Esquedas de Portugal para a consecución dun obxectivo "irrenunciable, histórico e estratéxico" nos últimos 150 anos de existencia do nacionalismo, como é afondar nas relacións entre Galicia e ou mundo lusófono. Este sistema, destaca, aglutina máis de 220 millóns de persoas en todo o mundo e sitúao en "sexta posición" na lista de idiomas máis falados do globo.
Así mesmo, recordou a existencia dun acordo adoptado na Cámara galega para avanzar nese sentido e lamentou que a Xunta "non deu un só paso" para efectivizar ese "mandato parlamentario".

"A partir do mes de febreiro temos como esperamos o acordo do parlamentario portugués, e é evidente de que queda o campo libre e aberto para que os gobernos fagan todas as xestións para que isto se poida efectivizar", considera. Por iso, transmitiu a súa intención de evidenciar que "non existe ningún impedimento político", xa que "depende da vontade" do Goberno galego "incluír canles televisivas en español vinculadas a determinadas ofertas dende o punto de vista ideolóxico político" ou optar pola radio televisión portuguesa. "Que ninguén se ampare en coartadas ou escusas", advertiu.



Aumento das relacións transfronteirizas

Pola súa banda, a voceira parlamentaria do Bloco de Esquerdas de Portugal, Catarina Martin, destacou a "importancia" de afondar nas relacións transfronteirizas entre ambos os dous territorios dende o punto de vista cultural e do desenvolvemento económico e social, ao partir "do mesmo espazo" lingüístico.

A recepción do servizo público de TV por parte dos galegos e viceversa será, segundo afirma, "un paso importante" na creación de "lazos" entre ambas as dúas rexións, tras manifestar a súa satisfacción por que "todas as persoas reciban nas súas casas" a forma en que os portugueses perciben o mundo.

"Abrámonos ao mundo, pero empezando polo que temos máis preto", afirmou Lobeira, quen criticou que os centros de ensino estremeños ensinan portugués "en maior medida" ca en Galicia. "Esquecen que temos un pobo irmán co que tanto compartimos", sinala.

"Nun mundo globalizado", aproximarse á lusofonía vai enriquecer a sociedade galega, "abre novos camiños" e suporá unha "vantaxe competitiva".O BNG fundamenta a súa iniciativa no artigo 35.3 do Estatuto de Autonomía.
(en Galicia Hoxe)

Ningún comentario:

Publicar un comentario