5 ene. 2011

Segue a desmontaxe do país (nova tirada de A Nosa Terra)



De costas á comunidade escolar
Lei a medida para 'lexitimar' o Decreto do Galego
Redacción . A Xunta presenta o proxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa para darlle cobertura legal á consulta aos pais sobre o idioma no que impartir cada materia.

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. Pepe Ferrín/AGN
A patronal dos xoguetes alertaba onte do perigo dos envoltorios. Case á mesma hora o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, presentaba o proxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa.

Non se fixeron agardar as críticas dos sindicatos do ensino.

A máis contundente foi a CIG, que revalidou hai pouco a maioría nas eleccións sindicais no sector.

“A Consellaría de Educación insiste en prácticas antidemocráticas para promover un proxecto de Lei reaccionario”, afirman desde a central nacionalista.

Consideran os nacionalistas que, no envoltorio doutras medidas, do que se trata é de “darlle cobertura legal ao decreto do plurilingüismo”, en consonancia co ditame do Consello Consultivo.

Tentaría deste xeito, como xa tiña anunciado o presidente, Alberte Núñez Feixóo, promulgar unha lei á medida que contempla a consulta aos pais sobre o idioma en que impartir as materias.

O conselleiro, Xesús Vázquez, na rolda de prensa, afirmou que se ben non pode ser consultada a programación xeral do ensino aos pais, si hai que garantir a “obriga da lei de promover o galego”.

Tentaría, co subterfuxio de “promover o galego”, consultar os pais e reducir as aulas dadas no noso idioma.

Cando foi preguntado se lles consultaría aos pais no novo curso sobre o idioma que querían para os seus fillos, limitouse a afirmar que “o noso plano e cumprir o programa do PP”.

Todos os sindicatos coinciden en afirmar que este proxecto é escurantista porque foi elaborado de costas á comunidade escolar, e presentado mentres se estaba de vacacións, como xa ocorrera co Decreto de Plurilingüismo.

Na Radio Galega, Xesús Vázquez, dixo que esas críticas non tiñan senso, pois habería que presentalo “algún día”. Tamén negou que se fixese de costas á comunidade escolar, “pois participou un grupo de especialistas”.

Pero a CIG denuncia que na última Mesa Sectorial do ano reclamou información sobre este tema sen conseguir por parte da consellaría “ningún tipo de información”.

As grandes medidas que aparecen no envoltorio desta lei, e que publicita a consellaría, son que Galiza será a primeira comunidade en regular por lei o acoso escolar, que se converte o profesor en autoridade pública con presunción de veracidade e que o Consello Escolar poderá pórlle límites á vestimenta dos alumnos, mesmo marcar un uniforme, se o consideran oportuno. Tamén requisarlles aos alumnos os obxectos que podan perturbar o desenvolvemento docente, tal caso como os teléfonos móbiles.

Desde a CIG afirman que os problemas do ensino non se resolven cunha “propaganda falaz” e que a autoridade e outros problemas se acrecenta “con máis medios e sen ter que realizar funcións que non son as súas, como a vixilancia”.

O sindicato nacionalista demándalle a consellaría que lle entregue o proxecto, que tampouco lle foi remitido ao Consello Escolar de Galiza, e que abra o debate preceptivo.

O conselleiro chamou na Radio Galego ao “consenso e á participación”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario