5 ene. 2011

Xavier Queipo reflexiona en A Nosa Terra



Xavier Queipo

Ortodoncia
Eu teño dende sempre os dentes ben desordenados, de xeito que a miña trabadura é irregular e moitas veces ineficiente. O outro día, paseando por Vigo, deime de conta da cantidade de clínicas dentais que hai na cidade, e sentín a nostalxia de non ter actuado no seu momento para arranxar unha boca máis bonita, ou sexa, que trabase con máis efectividade (agora coido que é unha chisca tarde, considerando a miña idade e o estado da miña dentamia).

Hai unhas semanas tiven o pracer de escoitar en Bruxelas a Amin Maalouf, escritor libanés –por certo traducido ao galego (A viaxe de Baldassare e A deleiba do mundo, editados os dous por Xerais). Na entrevista que lle fixo Jacques Bauduin, no teatro Flagey, estabamos presentes unhas 400 persoas tirando polo baixo, o que mesmo para a capital de Europa non é un número desprezábel, considerando que a entrada valía dez euros, algo máis do que vale asistir a unha sesión de cinema en 3D. Falou de exilio e identidade, do conflito entre o mundo árabe e mundo capitalista (the west, o primeiro mundo, o mundo máis desenvolvido ou como lle queiran chamar), que non é outra que a confrontación político relixiosa deste século XXI, no que en palabras do propio autor “temos entrado sen compás”. Falou entón da necesidade de que os inmigrantes gardasen a lingua propia (os turcos deben falar turco en Alemaña e os galegos galego en Arxentina ou nos Estados Unidos de Norteamérica) e aprender as linguas do país de acollida, entendéndoas como linguas adoptivas. Así, os emigrantes que acollemos en Galiza deberían falar o galego como lingua adoptiva e o castelán como lingua de uso internacional, mais non se contentar con se desenvolver só en castelán.

Sen compás semella que andamos tamén en Galiza –reflexo do que acontece no exterior– aínda que aquí o conflito sexa tamén un conflito de civilizacións, que ten a súa manifestación máis sobranceira na loita pola dignidade lingüística, na que uns queren impor o castelán como lingua única e outros o galego como lingua hexemónica. A risco de ser incomprendido, pola brevidade do discurso, direi que a lingua hexemónica é a lingua dos negocios, a que produce valor engadido e xera emprego e riqueza. Cando a inicios do século XX máis do 90% da poboación galega falaba exclusivamente galego, a lingua hexemónica non deixaba por iso de ser o castelán, por dicilo dun xeito directo. Daquela hai que pensar opcións para resolver este conflito, entre outras integrar os inmigrantes tamén en galego, esixir das empresas galegas que fagan a súa publicidade na lingua oficial (e non se pasen polo arco de trunfo o Estatuto de Autonomía) e esixir do goberno que deixe de actuar “contra o galego”, con xenreira inusitada e desrespecto crecente polas institucións democráticas (non tardan moito en pedir o certificado de “españolidade”, curso de sevillanas e vocabulario de tauromaquia incluídos, para poder votar nas autonómicas).

Por iso quixera ter feito eu cando novo unha ortodoncia, para ter unha boca que fose quen de trabar con precisión na xugular dos traidores, daqueles que extraen de nós o cento por un e logo defenden na súa actividade económica exclusivamente a lingua allea, todo o internacional e maioritaria que queiran, mais allea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario