«A ciencia está dividida en dúas categorías: a física e a filatelia»
E.Rutherford (1871-1937)*
A de veces que non teremos escoitado iso de que o ensino na época actual se centra de xeito excesivo na ciencia, e que deixa de lado aquelas disciplinas máis humanísticas (?). O accidente nuclear de Fukushima constitúe unha tráxica demostración non só da falsidade de tal afirmación, senón de que o que realmente ocorre é xusto o contrario.
A magnitude da catástrofe que nestes días se vive no Xapón fai que todos esteamos atentos ás noticias que desde alí nos van chegando. Ó asombro pola magnitude do terremoto e do catastrófico tsumami veuse sumar o accidente nuclear. Xustamente, é este último acontecemento o que mantén en Xapón o foco da atención mundial, pola inquietude e temor que produce tal incidencia en tódolos habitantes do planeta. Considero que isto é así ata tal punto que, para o mundo, haberá un antes e un despois de Fukushima, pero non polo terremoto e o tsunami –catastróficos, repito-, senón por causa do accidente nuclear que provocaron.
É así que estes días non foron poucos os alumnos que me manifestaron a súa inquietude e os seus desexos de saber máis sobre o accidente. Repítense agora as mesmas sensacións do ano 1986, cando o accidente de Chernobil.
Pero, moito ten cambiado todo desde aquel ano 1986; e non sempre para mellor. Xustamente, cando me propuxen dar algunha explicación ós meus alumnos de Física e Química da ESO sobre o que estaba pasando con Fukushima, atopeime cun grave problema: en todo o ensino obrigatorio non hai un só tema nin unha soa referencia, no currículo de Física e Química, sobre a física nuclear; o que equivale a dicir que en todo o ensino obrigatorio os nosos alumnos non estudan nada sobre este tema de importancia tan capital para a nosa civilización. Isto, con ser grave, aínda o é moito máis cando se observa que nin sequera nas asignaturas comúns do bacharelato se estuda tal contido, se exceptuamos un pequeno apartado da de Ciencias para o mundo contemporáneo (para darnos conta da “profundidade” coa que se aborda o tema basta dicir que o apartado en concreto, “enerxías alternativas e enerxía nuclear”, é un máis do cento largo que considera esa asignatura, unha especie de compendio “light” de todo o saber científico universal, para contentar a pasmóns); e o mesmo me pasou ó querer falar do tema cos alumnos de Química de 2º. Soamente teñen un tema de Física Nuclear os alumnos da asignatura de Física de 2º de Bacharelato, unha das optativas que menos escollen (disque é difícil). Si, non é un erro: ¡a Física é unha optativa para os alumnos de ciencias!; que vén a ser coma se a Lingua fose optativa para os de letras. Este estado de cousas conduce a unha penosa conclusión, entre outras posibles: a inmensa maioría dos individuos de este País, teñan estudos obrigatorios, medios ou superiores, non teñen nin a máis mínima idea, fundamentada nos seus estudos, sobre a enerxía nuclear; soamente a que poidan extraer dos periódicos, a televisión ou, o que é pior, dos omnipresentes “tertulianos” (que, polo que vexo, tamén gozan do don da sabiduría na física moderna). E todo iso sucede mentres cansamos e atiborramos ós alumnos con cantidades enormes de contidos totalmente innecesarios, e “filatélicos”, que diría Rutherford. Parece ser que para formar espíritus críticos….
A ciencia, meus amigos, segue a ser aquilo que inventan os outros (os que a estudan). E ciencia non é, desde logo, castigar ó personal con toneladas e toneladas de filatelia, mentres pasamos de puntillas, ou simplemente non pasamos, polos contidos máis fundamentais. Sospeito que, de seguir así, do gran caudal de intelixencia que pasa por colexios e institutos seguirase a perder polo camiño unha valiosa parte. E entre os que non se perdan han de ser máis os cansados cós formados.
Nunca aprenderemos?... Creo que non!
* Físico que estudou e clasificou os diferentes tipos de radiacións radiaoctivas (alfa, beta e gamma), descubriu que a radioactividade ía acompañada da desintegración dos átomos e propuxo o primeiro modelo atómico nuclear. Gañou o premio Nobel de Química en 1908.
Ningún comentario:
Publicar un comentario