27 de abr. de 2011

En galego por deferencia

 Foi durante unha conferencia nunha sala ampla ateigada de xente nunha localidade da Comunidade Autónoma Galega. Non lembro o nome das persoas agás o de Fernando Ónega, o xornalista que fixo carreira en Madrid que agora acompaña con anuncios para o Banco Pastor.

 Logo das correspondentes presentacións, tomou a palabra o citado xornalista. Abriu dun xeito semellante a isto:

 “Como sabedes eu son galego. Sei falar galego e gústame moito a fala da miña terra. É un tesouro que temos. Pero como aquí diante temos a dous colegas de Madrid, por deferencia con eles, voume expresar en castelán. As linguas están para comunicarnos”.

 Falou, logo, nun castelán empiricamente bo malia que o puidese facer nun galego supostamente tan bo.

 A seguir falaba unha señora. Mágoa non lembrar o nome. Comezou:

 “Como sabedes eu son galega. Sei falar galego e gústame moito a fala da miña terra. É un tesouro que temos. Pero como aquí diante temos a dous colegas de Francia, por deferencia con eles, voume expresar en francés. As linguas están para comunicarnos” [Nesa sala non había francés ningún].

A xente entendeu perfectamente. Non o francés, senón o galego que esta señora recuperaría aos cinco minutos pero cheo de prestixio. Xusto o que lle arrancaran, por deferencia, había media hora.

(En Galicia Confidencial)

13 de abr. de 2011

Visita de Pere Tobaruela

Pere Tobaruela: Viaxes dun can de palleiro
Col. Xuvenil Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2009

Viaxes dun can de palleiro
Conta un can de palleiro, un can de aldea, coma quen di un ninguén, que os gregos apropiáronse d´A Odisea, pero a verdade é que o seu amo, Ulises, nunca viviu en Ítaca: naceu, medrou, e casou con Penélope no Xobre, unha vila da ría de Arousa. Era un barbanzán. Disponse a contar, pois, a versión auténtica d´A Odisea, aínda que ás veces lle falle a memoria. Comeza así a narración das aventuras de Ulises, nunha lectura en clave lúdica de diferentes pasaxes da obra clásica.
Na primeira parte conta a viaxe de Telémaco para saber do pai. Así, na asemblea dos deuses no Courel, presidida por Zeus, suplicoulles que lle perdoasen ao seu amo, que levaba sete anos retido pola ninfa Calipso. A deusa Atenea, baixo a forma do mariñeiro Héctor de Fisterra, puxo a Telémaco sobre a pista do pai: un comerciante de cabalos de Fisterra embarcara con el e outros cinco comerciantes cara á remota Eirín en busca de posibles compradores de acibeche. Só volveran el e Menelao de Ribadeo, casado coa fermosa Helena de Troia, que lle di que os deuses puxéronlles unha brétema espesa fixo que el fose parar a Exipto. E conta que segundo Proteo, que ve a través das profundidades do mar, Ulises está nunha das illas Sías, vertendo bágoas, no pazo da ninfa Calipso.
Na segunda parte narra as aventuras de Ulises, das que el foi testemuña. Regresaban de Eirín con doce barcos cheos de ouro, cando apareceu a brétema que mandara Posidón e sen GPS chegaron á illa dos lotos, onde tres mariñeiros tolearon por comelos. Noutra illa, o cíclope Polifemo pechounos na súa cova por lle comeren os queixos, e cada noite el ía comer mariñeiros. Disfrazado cunha túnica con capucha, Ulises díxolle que era Ninguén, cravoulle unha estaca no ollo e liscaron atados na barriga dos años. En vinganza, o cíclope pediulle a Posidón que Ulises pasase moitas penalidades ante de retornar. En Eolia, o deus dos ventos, Eolo, regaloulle a Ulises unha bolsa con todos os ventos, que os mariñeiros abriron, escapando todos os ventos en medio dunha tempestade enorme. Na illa de Lamos, os lestrigóns, xigantes antropófagos, devoraron as tripulacións das outras once embarcacións. Na illa de Ea, a feiticeira Circe, filla de Helios, o deus do Sol, converteu a mariñeiros en porcos: mais o superdeus Hermes deulle unha herba a Ulises que o fixo inmune e ameazou a Circe (quen tamén se apaixonou por el), que restituíu os mariñeiros ao seu ser. Navegaron onda a illa das sereas, librando do seu poder de atracción grazas a que os mariñeiros tiñan tapóns nas orellas e Ulises, amarrado ao mastro, berráballes aos remeiros que parasen pero como non o oían... Pasaron o estreito entre a perigosa rocha de Escila e o remuíño de Caribdis convencendo Ulises aos mariñeiros de que bogasen sen reparar nos homes que agarraron os monstros. En Trinacia, algúns mariñeiros comeron unhas cantas vacas, malia a advertencia do profeta Tiresias. Entón Helios queixouse a Zeus, que botou un raio devastador que fixo arder a embarcación, os homes botáronse á auga e só quedaron con vida o amo e o can. Coa axuda de Atenea apareceron nas Sías, as illas da ninfa Calipso, que tamén se namorou del e retívoo alí case un lustro e medio que ao amo lle pareceron días. Só cando el puido ir ao Courel grazas a Cerne, o deus celta dos animais, a pedirlles aos deuses que lle ordenaran a Calipso que deixase partir a Ulises, saíron nunha balsa. E cando Posidón mandou unha treboada, en vinganza polo de Polifemo, salvouno a ninfa-deusa Leucotea, tamén namorada del, que lle deu un veo máxico co que aínda que se afundiu na auga non afogou. Despois de dous días aboiando no mar chegaron a unha praia de Baiona, onde tamén se namorou del a princesa de Nausica. Alí, a raíña Arte e o rei Alcínoo cedéronlle a nave que o levou á casa.
Na terceira parte relata o regreso ao Xobre: disfrazado de mendigo, Ulises durmiu no cortello, porque o porqueiro o recoñeceu, avisando a Telémaco; nela sufriu un pequeno e porco incidente. O can Argos morreu da emoción ao recoñecelo co olfacto. Penélope, que tecía de día e destecía polas noites un sudario para o sogro Laertes, anunciara que casaría con quen tensase o arco de Ulises. Só el foi quen de conseguilo, e Pe convenceuse de que era o seu home cando lle dixo que a cama non se podía mover porque un dos piares era unha cepa de oliveira que plantara el coas súas mans. E, por fin, déronse moitos abrazos. Mesmo o pai, Laertes, púxose moi contento.

 Hoxe visitounos o escritor Pere Tobaruela. Analizamos a súa novela "Viaxes dun can de palleiro" e vimos como un escritor catalán escribe un bo libro en galego.

Onte visitounos na biblioteca a escritora Teresa González Costa, para falarnos do seu libro A filla do ladrón de bicicletas (Premio Merlín 2010). Contestou amablemente a todas as preguntas que lle fixemos sobre a novela, tendo unha conversa connosco moi amena. Escritora políglota, escribe en galego, a súa lingua, e faino moi ben. Ë unha historia que ten elementos autobiográficos, cinéfilos e tamén dos contos universais (Brancaneves). Os lectores de 1º de ESO recoméndanvos este libro.
 

8 de abr. de 2011

A escritora Conchi Regueiro visitounos a semana pasada

O alumnado de 1º de ESO asistiu á conferencia que deu Conchi Regueiro sobre o seu libro "A herdanza do marqués". Estivemos moi interesados sobre a novela de misterio desta escritora polo que lle fixemos numerosas preguntas, ás que ela respostou amablemente. Despois asinounos os exemplares que traïamos.

"Tres peixes voando" no Carballiño

O mércores deron un concerto no Auditorio do Carballiño ao que asistiron o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, xunto con outros centros de ensino. O concerto gustou moitísimo e fixéronnos pasar un bo rato, tanto pola calidade dos temas que interpretaron como pola súa conexión coa xente. Despois do concerto houbo unha rolda de preguntas ás que respostaron atentamente e deixáronnos con ganas de escoitar máis temas, posto que era tanto a súa cualidade interpretativa e conexión co público que lles saiu un concerto redondo.

2 de abr. de 2011

O horto ecolóxico (Publicado por Jeanfrujo)

O horto ecolóxico


“Y sin duda nuestro tiempo… prefiere la imagen a la cosa,
…la representación a la realidad,la apariencia al ser…"
Ludwig Feuerbach

O último número da revista Ágora do Orcellón, que se presentou o venres no Carballiño, está dedicado ó concello do Irixo. Nun dos artigos, don Antonio González Bernárdez, párroco de Santa Mariña de Loureiro, fai unha breve historia da Cooperativa de Loureiro, da que foi o principal impulsor. Merecería estudarse en escolas e institutos, e tamén nos seminarios, esta exemplar historia da loita dun párroco por mellorar as condicións de vida dos seus fregueses –neste caso tamén dos seus veciños, porque don Antonio é natural da mesma parroquia de Loureiro-, loita na que chegou a remover Roma con Compostela para levar adiante o proxecto –baste dicir que foi a igrexa alemana, a través de Misereor, quen financiou o proxecto inicial con 60.000 marcos, a principios dos anos 70-, buscando a modernización das antigas estruturas das explotacións agrarias. O acto do Carballiño, onde ademais se presentou un DVD que documenta en imaxes a citada historia, propiciou que logo compartira mesa e mantel con don Antonio, con quen tiven a honra de coincidir durante algúns anos no claustro do Instituto do Carballiño, e con algúns amigos máis. Foron uns discípulos de don Antonio na empresa os que, durante a cea, falando do presente e vaticinando arredor do futuro, aportaron un dato que me estremeceu: en todo o concello do Irixo non quedan máis de catro ou cinco familias que vivan exclusivamente da terra!; e, sobre o futuro, presaxiaron que ó colexio de primaria non lle quedarían máis de cinco ou seis anos de vida, mentres calculaban que en vinte anos do Irixo non quedarían máis ca algúns veciños na capitalidade municipal….

Tal como sospeitaba, nada dicían o sábado os medios de comunicación sobre o acto de presentación  da revista do Instituto de Estudios Carballiñeses. Pero, chamou a miña atención o titular principal da edición de Ourense do diario La Voz de Galicia, que rezaba: “Ourense estrena una zona de ocio destinada al cultivo ecológico”, todo isto en grandes letras e con fotografía a todo color. Tratábase de informar que os habitantes da cidade de Ourense tiñan á súa disposición un “horto ecolóxico” de 1938 metros cadrados, para  conseguir, supoño que entre outros fins, o importante obxectivo de que “os nenos se dean conta que os tomates non nacen nas bandexas do supermercado”, segundo declaraba ó citado diario  o alcalde.

Fixeime nese titular porque non deixa de resultar un sarcasmo que nunha provincia que está quedando erma; a mesma onde se deixou morrer todo o tecido agrario que, fundamentalmente, a sostiña; aquela na que resulta imposible acercarse ó rural sen contemplar o tráxico espectáculo das casas arruinadas, dos pobos baleiros e das herdades abandonadas; a noticia máis importante sexa a inauguración na capital dun horto ecolóxico de 1938 metros cadrados de superficie. Pero non me sorprende, simplemente confirma algo que veño sospeitando desde hai tempo; mentres miramos de esguello, ou non miramos, para o fundamental, o anecdótico e o accesorio pasan á primeira plana da actualidade; por certo, con gran contento de boa parte do vulgo. Algunha explicación tiña que ter que, a pesar de sermos ese país marabilloso que, segundo dicen moitos, somos, sempre esteamos na traseira de todo. Tal vez esta costume tan nósa de ignorar a realidade, e de aplaudir tonterías, teña bastante que ver co triste presente que nos apreta e co incerto futuro que nos agarda. E desta tendencía á irrealidade poucos se escapan, nin sequera a por tantas razóns eloxiable revista Ágora do Orcellón, que, a pesar das xuizosas reflexións do seu director Avelino Muleiro na introducción do número, dedica logo bastante máis espazo a un invento persoal denominado “A insua dos poetas”, que poderíamos enmarcar, igual cós “hortos ecolóxicos”, dentro do que Debord chamara a sociedade do espectáculo, có gran drama que viven estas terras.


Como diría un veciño meu: veña bombas!