22 de maio de 2011

A FALA SOMOS NÓS

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 21/05/2011 (En Galicia Confidencial)

Día das Letras, efeméride designada para recoñecer e exaltar aos que na nosa lingua embocaron o mellor das súas colleitas. 

http://i845.photobucket.com/albums/ab13/ceipbarro/lois-pereiro.gif

Non hai dúbida que é en memoria deles polo que nos erguemos en celebración. Este ano festexamos o legado dun dos artesáns da nosa lingua, o ano que vén ha ser outro, ou outra, como outros foron nos pretéritos aínda ben presentes. Celebramos o seu traballo, a súa entrega, a súa xenerosidade.  Pero hai máis, pois pouco teriamos que celebrar se só celebraramos o labor duns poucos. Por fortuna para nós todos ese non é o caso, e, si, temos moito que celebrar.
Celebramos a aqueles que da maneira máis natural e espontánea nunca da fala se afastaron; ou sexa, ao pobo galego, sobre todo ao noso sufrido rural, intemporal e impertérrito, adega e reserva espiritual deste noso país.  No persoal, celebro a meus pais, aos meus tíos -que xa non están-, e aos meus veciños –que xa non son-, dos que non lembro nin unha instancia na que a min se dirixiran nunha fala que non for a fala herdada. Certo,  non tiñan moitas máis alternativas. Se cadra por iso aínda os lembro con máis agarimo e aínda llelo agradezo máis.  E os galegos que non tiveron a fortuna de nacer e medrar mergullados na fala de Galicia, de camiñar polas súas hortas e corredoiras, de enterra as súas tenras mans da infancia nas leiras de patacas, ou de cunha simple ollada saber cal das espigas do millo verde estaba no seu punto exacto para deitar nas ascuas, tamén teñen moito que celebrar. Poden celebrar as oportunidades que agora temos de podernos reencontrar coa fala, como xente libre, en democracia, e sen renunciar a nada. Velaí o milagre das falas: as que a nós veñen polos múltiples vieiros da vida non precisan nin ansían de borra as que xa están apousadas nas entrañas mesmas da nosa conciencia. Seino, certo. Vivino, e vivo: aí segue o galego, primeira das miñas falas, base e sustento da miña identidade, máis louzán ca nunca. E celébroo tódolos días sen máis interrupcións cas necesarias.  Para min, o día das Letras é unha alusión acertada para dicir lingua viva, para dicir lingua Nós. E a  lingua viva somos todos. E como a lingua somos todos, a lingua é sinónimo da nosas soberanía (enténdase, o da soberanía, non seu contexto máis humano, ou sexa, afastado dos vertedoiros da política). E como a lingua é sinónimo de soberanía, todos estamos chamados a coidala, cadaquén na medida das súas posibilidades. Todos podemos darlle os coidados de usala cada día. E como a lingua somos Nós e a lingua somos todos, recoñecer o labor de individuos, grupos e organizacións que velan pola lingua, si; valorar a súa constante vixía, tamén; subscribir a súa presenza naqueles lugares onde a lingua for discriminada, pois claro. Ningunha desas accións é insidiosa ou invasora, ningunha suplantan ás organizacións representativas do colectivo social. E ningunha delas arrastra a entrega da soberanía dun pobo sobre o seu patrimonio máis prezado. Logo, nestas datas tamén a todos eles saudamos e celebramos.   Mais nunca, endexamais, lle recoñeceremos, a ninguén, a mínima presenza nas colleitas do léxico nin nas valoracións morfolóxicas da nosa fala. Eses eidos da lingua perténcenlle exclusivamente ao pobo falante. Nós. As colleitas do léxico adquiren a súa lexitimidade nas nosas gorxas, e todo o demais é simple ruído, distraccións ególatras disfrazadas de estudos científicos sen nada que contribuír a normalidade da fala viva. Sendo a fala un fenómeno social eminentemente íntimo e persoal, nos seus eidos todo o alleo sobra e todo o imposto é alleo. A fala somos Nós.
Aí reservámonos o dereito a filtrar e peneirar tódolos ruídos para quedarnos coas voces herdadas, xa plenamente normalizadas desde o fondo dos séculos, labradas nas eternidades da conciencia do de Nós. Engadirémoslle novas voces ás voces, e as voces sempre han ser unha na singular polifonía que é toda fala, e a  lingua ha seguir e medrar nese reencontro con ele mesma na espontaneidade da fala viva. Logo, agradecer, recoñecer e celebrar, o traballo das xuntanzas e organizacións que velan pola fala, si. Entregarlle a soberanía sobre a fala, nunca. Porque a fala, en tódalas instancias, e en tódolos tempos, sempre somos e seremos Nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario