7 de xul. de 2011

Galego, lingua de indignación

Hai trinta anos, facer rock ou pop en galego era case unha quimera, só apta para uns poucos valentes, algún dos cales non sería reivindicado como modernidade ata tempo despois, caso de Andrés do Barro. Pero ese tabú caeu, apareceron Resentidos ou logo Diplomáticos e agora son decenas as bandas que usan o galego, con escaso apoio mediático e institucional pero tamén alcanzando rexistros sonoros antes inexplorados. Nese eido, máis ou menos, a lingua -entendida como ente colectivo- defendeu o territorio xustamente conquistado.
Hai trinta anos, só a media hora da desconexión territorial de TVE-G permitía achegarse á televisión en galego. Pero, grazas aos esforzos dalgúns galeguistas e a mobilización popular, naceu a RTVG e con ela, unha canle monolingüe en galego, cuxo principal obxectivo é potenciar o idioma e a cultura propia, tal e como recollen os seus estatutos. Outro territorio xustamente captado e aínda insuficiente dado o enorme desequilibrio entre as teles que utilizan a lingua natural de Galicia e as que só usan castelán. Porén, en vez de camiñar cara diante, o PP busca silenciosos pasos atrás e xa intenta coar fórmulas que abran a porta á entrada nos medios autonómicos do outro idioma oficial (será que non ten canles abondo), algo que aínda non conseguiu mais sostén na cabeza. E vai metendo, non a saco como lles gustaría porque non pode, pero teimará. Hai unha fronte aberta para manter esa conquista, agora en perigo.
Aquela onda popular e regaleguizadora que tomou as rúas e as conciencias nos tempos da mal chamada Transición tamén obtivo certo triunfo ao recuperar a oficialidade da toponimia galega. Con algúns problemas, pero desapareceron Lages, Mugías Ortigueras y Corujos. A Lei de Normalización resultou fundamental nese avance, outro terreo xustamente conquistado. Pero o PP tamén ten na cabeza volver atrás. O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, desliza que agora non, pero ao final atacarán aí, seguramente logo das próximas autonómicas, con Rajoy (e talvez Feijóo) en Madrid e un perfil aínda máis españolista en Galicia, que se sae apoiado das urnas permitiralles quitarse definitivamente as pequenas máscaras que aínda conservan. Outro espazo gañado polo galego onde soan as alarmas.
O galego non parou de perder uso e ámbitos nos últimos tempos. Pero, como queda explicado, conqueriu algúns outros, antes vedados. Era básico escapar do autoodio do que consideraba a lingua propia algo válido para o rural ou certa cultura minoritaria, pero non para a vida completa, se así se quere. Colleu forza no ensino, agora en retroceso pola ofensiva da Xunta, tamén. Pero de todas as conquistas que o idioma de Galicia foi gañando no último medio século, hai unha que resulta especialmente emocionante. O galego converteuse na lingua na que se loitaba polas liberdades e os dereitos. Non ocorría iso antes. As heroicas guerrillas antifranquistas usaban sobre todo o castelán nos seus órganos, aínda que falaran galego. Pero a partir dos anos 60 (nacen PSG e UPG, galeguízase o PCE, impresionantes folgas na universidade...) e xa de xeito case unánime nos setenta, todas as forzas políticas, sindicais e sociais apostan polo galego, que queda así para sempre ligado coa vitoria contra os poderes reaccionarios, os mesmos que o odiaban e o odian. Foi como unha decisión nunca falada que traspasou as paredes que puideran ter as organizacións. Uns veciños cando pedían un parque, unhas traballadoras sen sindicalizar que protestaban polos horarios, uns rapaces de BUP que solicitaban melloras no instituto... todos eles facían -case como norma, polo tanto con excepcións- as súas pancartas a man e en galego, incluso cando ni un só deles o usara normalmente. Pero ese era a interiorizada regra. Os dereitos se reivindican na lingua propia, a da conquista das liberdades.
O movemento cidadán, no senso máis amplo do termo, volve amosar músculo. Xa levaba tempo facéndoo (Galicia viviu dúas folgas xerais) pero a aparición en escena a nivel estatal e tamén nacional dos denominados indignados ou 15-M, cunha importante forza, abriu os ollos aos medios e con eles ás chamadas forzas vivas, que curiosamente sempre representan modelos de sociedade que deberían morrer. Este movemento estoupou hai algo máis dun mes. Achegou moitísimas cousas positivas (ataque ás estruturas depredadoras do poder económico e político; aposta por unha sociedade concienciada; petición dunha democracia verídica e igualitaria cada día non só cada catro anos; a reivindicación do barrio e a asemblea como suxeito de progreso; a utilización de novas formas de propaganda e apertura) e  tamén xera outras máis dubidosas ou pendentes de concreción (meter no mesmo saco a todos os políticos, inxenuidade 'buenrollista' que leva a algúns a flaxelarse ante a coacción represiva, certas ambigüidades que abren portas á manipulación, caída fácil nas trampas da axenda que desliza o adversario, non establecer xa un diálogo constante cos movementos de todo tipo que levan tempo na mesma batalla...).
Outra das críticas que se lle fai a este movemento é a idiomática. Certo é que o galego ten presenza nas mobilizacións, cada vez máis, pero non o é menos que nalgunhas cidades de xeito minoritario. Non pasa nada. Todo o mundo ten dereito a facer unha pancarta ou corear un lema na lingua que lle pete. O terrible do asunto é o síntoma. Que para un gran número de persoas concienciadas e activas o galego xa non apareza pola súa mente nin sequera á hora de lanzarse a unha reivindicación política -dende posicións que malia que algúns non o saiban son claramente de esquerdas- é proba cruel de que a lingua propia pasa por un momento moi duro. Non ocorría así antes, cando o galego era unha especie de idioma 'oficial' da loita. Ese terreo conquistado empeza a perderse. Quizais ninguén llo aprendeu a certas novas xeracións, pero vaise rompendo a marabillosa tradición de medio século segundo a cal as palabras nacidas en Galicia era tamén as do progreso social, as do pulso da rúa contra os señores dos privilexios, incluso contra as ditaduras. Está ben lembralo. Para que todos sexan conscientes, uns do que significa a súa lexítima elección -que encanta no PP- e outros para asimilar que algo está fallando, que a cousa é grave.  Toca crítica e autocrítica. Diálogo cos que deberían ser aliados. Firmeza e sedución. E asumir que os culpables do deterioro de tamaño valor cultural están arriba, non abaixo.
É tempo de moverse. Como di Manel Fontdevila, a crise está sendo un éxito para os poderosos, para bancos, para especuladores, para os seus servos. Para o resto, paro, precariedade, miseria, engano, mentiras, desigualdade, emigración... Mexan por nós, pero menos din xa que chove, notouse o 19 de xuño. Ante tanto atropelo social e tanto vampiro de garabata indecente, o lóxico é sentir e difundir a indignación. E tamén a “irritación forte do ánimo”, que é o que significa carraxe, palabra en galego, lingua de vitorias contra a inxustiza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario