7 de ago. de 2011

Flores da Galvana

Iria Fernández Crespo, no centro, entre Miguel-Anxo Fernán-Vello (esquerda) e Ramón Chao Iria Fernández Crespo, no centro, entre Miguel-Anxo Fernán-Vello (esquerda) e Ramón Chao

Iria Fernández Crespo (Barcelona, 1982) é unha das voces novidosas das letras galegas, criada en Catalunya, morando en Catalunya pero con raiceiras moi profundas en Galiza.
Flores da Galvana é o seu primeiro poemario e demostra no seu traballo unha ansia totalizadora da descrición lírica da realidade. A poesía de Fernández Crespo vai máis alá da separación clásica entre intimismo e poesía social; entre clasicismo e vangarda. Aposta por unha concentración expresiva que converte os seus versos en tallas na pedra do idioma, as súas imaxes en vencellos indisolúbeis entre un pasado que a autora albiscou mentres esvaecía e un futuro no que a única fronteira da poesía galega é o propio límite dos seus creadores.
Recordos de infancia, paisaxes galegas, a dor pola destrución da paisaxe, o laio pola anormalidade cultural de Galiza, a propia indefensión fronte aos atrancos da vida... Todo se compendia cunha exquisita escolla rítmica e léxica.
Edita Espiral Maior.

En A NOSA TERRA

Ningún comentario:

Publicar un comentario