9 ago. 2011

Vivimos coma galegos?

Dende a morte de VIEIROS fomos enterrando unha boa ristra de medios en galego (A Peneira, GalizaNación, A Nosa Terra, Galicia Hoxe...) supoño que en breve teremos novas "reestructuracións" no Xornal de Galicia e xa se están oindo tambores de guerra dende La Voz de Galicia... aínda que este último en galego ten o xusto para cobrar a subvención e pouco máis.WikiLeaks puxo de manifesto que a "guerra de medios" é unha das guerras máis cruentas nas democracias mundiais.  Al Jazzira leva a voz cantante no mundo árabe e ata fai catro días News of de World tiña practicamente o monopolio dos tabloides británicos e por extensión da prensa mundial.  En España o grupo Vocento seica pretende desembarcar en Galicia -vía ERE- mercando o 33% da Voz de Galicia (run run) mentres o seu propietario Santiago Rey Fernández-Latorre seica vai camiño dunha xubilación dourada. O Grupo Editorial Prensa Ibérica emprega as súas cabeceiras como facilitadoras do seus verdadeiros intereses: o sector inmobiliario en toda España. E así poderíamos seguir repasando as marañas mediáticas que impiden que as noticias de interese para Galicia vexan a luz sen manipulación nos medios.

Doutra banda existen na rede infinidade de medios dixitais que presentan unha realidade fortemente ideoloxizada que os converten por definición en medios minoritarios de cara á opinión pública. Aínda que esta afirmación é discutible, os datos de tráfico na rede semella que poden considerarse obxectivos. Editores de novas non xerárquicos como Menéame (ou Chuza en Galicia) recollen moitas visitas e enlaces pero a súa arquitectura basada no "karma" dos participantes posibilita o control ideolóxico das noticias que chegan ás suas respectivas portadas. Algo semellante sucede cos comentarios que todos podemos facer en El Pais (cando o permiten), El Mundo, Público, etc...  En Galicia algúns apostaron no seu día por "Xornal de Galicia" como alternativa á prensa convencional, mais lamentablemente o seu propietario Jacinto Rey semella estar máis interesado en sacar tallada das privatizacións e licitacións públicas empregando a forza do Xornal para facerlle descaradamente a pelota ao Goberno Central (Pepe Blanco) mentres na casa cesa aos seus directivos ou move as pezas no taboleiro mediático para seguir pechando medios e así eliminar a competencia. Estas operacións son difíciles de demostrar pola maraña de empresas pantalla que participan nelas, co tempo teremos cumprida información destas artes escuras na prensa galega; o malo será que daquela xa NON TEREMOS NIGÚN MEDIO EN GALEGO do que podamos falar ben nin mal.

Se todo o que levo dito é certo, é tremendamente preocupante que os galegos e galegas non fagamos absolutamente nada, estámonos a xogar a libertade de expresión e a posibilidade de comunicar sucesos, realidades e ideas en Galicia. Afortunadamente temos aínda dous Proxectos de Liberdade. 

Se me permitides dúas palabras quixera presentarvos dous medios de comunicación que precisan con URXENCIA da vosa participación activa e cicais da vosa colaboración económica (por cativa que sexa sempre será mellor que nada!)

Trátase do dixital GALICIA CONFIDENCIAL que leva máis de dous anos ofrecendo informacións puntuais sobre a realidade cotiá de Galicia e tenta consolidarse coma un medio "independente" (cando menos económicamente) que lle permita afondar na liña do "xornalismo de investigación" nesta terra. O voluntarismo ten sempre límites e cicais sexa esta unha das últimas oportunidades que teñamos en Galicia para crear unha opiníón pública libre de sometemento ás políticas de partido ou aos intereses de empresa.

GALICIA CONFIDENCIAL vén de apostar polo que eles mesmos denominan un "Xornalismo Sustentable" e para facelo posible reclaman a nosa colaboración económica e a nosa participación coma lectores críticos que sustenten este proxecto de futuro.  Se aínda non coñecedes o medio atoparedes nunha primeira visita moito "nacionalismo" e "independentismo" entre os seus siareiros (especialmente nos comentarios) mais cónstame que ás veces estas actitudes non son máis que "fume na rede", o que pode parecer un gueto mediático de sectores políticos que se atopan lonxe de seren aternativas de goberno en Galicia pode ser simple "apariencia de liberdade". Estes mesmos siareiros escribían arreo no defunto VIEIROS e ao día seguinte da súa morte apenas houbo siquera catro "tristes esquelas". Quero dicir que de todos NÓS depende o facer que este medio sexa plural e colla o pulo preciso que lle permita afondar na investigación da información posibilitando así a construcción dunha verdadeira Sociedade Democrática e Aberta que nos leve á superación do actual statu quo.

Discutible, ben o sei, pero considero que estes xoves emprendedores son xente sobradamente preparada e cunha verdadeira vocación xornalística e só precisan dunha pequena seguridade que lles permita dar o salto á PROFESIONALIZACIÓN. ¿Por que non apostar en serio por un Proxecto con futuro?

Se sodes dos que non vos gusta o pago on-line aconséllovos á transferencia bancaria (por 48 €uros ao ano!) teredes acceso ao que denominan GC Plus non ides atopar ningunha "revelación mariana" nin cousa semellante, mais é un agradable bandeirín de enganche para premiar a vosa suscrición e a vosa fidelidade a este proxecto de comunicación en liberdade.

E para rematar de VENDER o producto, salientar a vocación de servizo público da sección chamada GC Aberto (aínda en fase beta) que permite a calquera persoa ou asociación publicar artigos e novas libremente e dalas a coñecer na rede galega.  Este sevizo de edición é un valor engadido que non deberamos desprezar se temos en conta o momento actual no que vivimos.

Só mediante a denuncia podemos coñecer o que realmente sucede e cicais cando estas denuncias cheguen a ter "masa crítica na rede" teremos a posibilidade de transformar os procedementos democráticos esixindo SOLUCIÓNS!

Sami Nair aposta claramente polo futuro transformador dos medios na creación dunha nova sociedade. Faino nunha entrevista realizada con motivo da presentación do libro "La explosión del periodismo. De los medios de masa a la masa de medios" do xornalista, de orixe galego, Ignacio Ramonet.

Na súa xusta medida penso que o proxecto Galicia Confidencial podería representar ese medio transformador para Galicia.O segundo Proxecto de Liberdade para Galicia é a Rede Social CABOZO, verdadeira rede de comunicación, que leva máis de tres anos ofrecendo os seus servizos ante o inxeplicable mutismo dos mediáticos convencionais. CABOZO está a piques de estrear un novo deseño e completar tódalas súas funcións coma Rede Social verdadeiramente amigable que non ten nadiña que envidiar ás demáis redes sociais de importación. CABOZO non precisa polo momento axudas económicas o que precisa con URXENCIA é darlle valor a un producto completamente galego e orixinal (por máis que atopedes certas semellanzas con outras redes sociais coñecidas) Cabozo leva tempo ofrecendo o que "outros" publicitan coma grandes novidades tecnolóxicas (p.ex. Google +).

En CABOZO tedes pleno control dos vosos contactos, podedes crear grupos privados ou públicos, álbumes fotografícos, vídeos, fantásticas xeolocalizacións para usuarios mobil, sindicación de noticias dos principais medios (Galicia Confidencial, Xornal de Galicia, Faro de Vigo, Galiciaé, Crónica3, CodigoCero, El Pais, El Mundo, Público, CincoDías, Muy Interesante, Gizmondo, Menéame, Chuza...) e por se todo isto fose pouco dispón dunha ferramenta explosiva: a VIDEOCONFERENCIA A CATRO BANDAS simultaneas, mediante Ustream.

Pensade por un momento nas infinitas utilidades que estes servizos poden ofrecer a calquera usuario da rede CABOZO.

CABOZO xa estaba aquí antes de que moitas das redes máis populares activaran servizos semellantes pero aínda así moi pouca xente nesta Terra quixo recoñecer este magnifico traballo.¿Que terán as redes foráneas que todo o mundo presume de estar nelas? Cando a confidencialidade e a propiedade intelectual está en entredito, cando as reclamacións fanse ante tribunais dos EUA, cando nin siquera falan galego nin entendemos a metade dos trebellos informáticos que empregan para facer o seguimento dos usuarios... todos coma autómatas abrimos unha conta en FaceBook ou Twitter sen pensalo dúas veces! CABOZO permite enlazar, se o desexas, a túa conta en Twitter directamente no teu perfil en Cabozo, facilitando así a interconectividade entre as distintas redes sociais.

Esta potente INTERCONECTIVIDADE de CABOZO anticipa o futuro de xeito visionario. Cando as demáis redes socias sigan este camiño poderemos falar dunha verdadeira Rede de Redes Socias.


É frustrante para Galicia ver como os seus creadores (enxeñeiros informáticos, community managers...) acadan mellores oportunidades en Alemaña ou no Silicon Valley... mentres Galicia segue orfa e semella estar condeada a ir sempre detrás dos demáis na innovación e no mundo da comunicación e das novas tecnoloxías...

¿Por que Galicia non vai poder exportar REDES SOCIAIS GALEGAS?  Se as demáis redes teñen a súa traducción a centos de idiomas, o mesmo podería facer Cabozo se quixeramos apoiar este proxecto coa nosa participación.

Cabozo hoxe funciona mediante invitación (cada usuario dispón únicamente de 5 invitacións) esta decisión dos administradores prodúxose ante a cantidade de contas de usuario que carecían de tráfico e participación algunha; a medida tomouse coa intención de ser máis selectivos á hora de ofrecer o producto a quen verdadeiramente o aprecia e ten interés nel.  Esta situación (supoño provisional) pode ter efectos non desexados, máis sen dúbida a terra debe ser para quen a traballa!Cómpre apostar por un xornalismo de investigación e libre de intereses espurios: 
faite suscritor de Galicia Confidencial.

Cómpre dar valor ás ferramentas propias de comunicación social: 
participa na Rede Social Cabozo.
Gracias por vivirmos en galego...   cada día máis... 
 
 
Por Gamela en Galicia Confidencial

No hay comentarios:

Publicar un comentario