Nestes tempos en que as palabras enganan; nestes tempos en que, por exemplo, a palabra «mercados» oculta canda si, baixo un mesto pano de anonimato, o significado real de «especuladores» (ao que se lle podería adherir o adxectivo «ricos» sen temor a equivocarnos); nestes tempos en que o apelido Botín se converte en todo un símbolo do roubo social (fraude fiscal millonaria) e, ao tempo, nun símbolo da hipocrisía máis funesta para a confusión da palabra (pretendendo sobreescribir en «roubo» outros termos como «mecenas», «filántropo»); nestes tempos en que se decreta a «necesidade» de recortar en educación (futuro), en cultura, en servizos sociais, pero non se poñen trabas aos gastos fastuosos na visita do Papa ou aos delitos seculares dos evasores de impostos; nestes tempos en que se eliminan brutalmente prestacións sociais a unha cidadanía que fixo posible o Estado do benestar, agora castigada polo paro e pola falta de expectativas, pero se capitalizan os bancos a fondo perdido e sen condicións (eses mesmos bancos que a uns anos vista incrementarán brutalmente os seus beneficios pola implantación sistemática da banca electrónica e o despido progresivo de persoal); nestes tempos en que a palabra, empregada como arma política, se utiliza para asustar a cidadanía e impregnala da adxectivación dun medo (terror dialéctico) que faga máis doada a consecución dos obxectivos que os especuladores pretenden conseguir a costa do empobrecemento xeral da poboación; nestes momentos, digo, precisamente nestes momentos, é máis urxente ca nunca, máis vital, máis indispensable ca nunca, e tamén máis liberador ca nunca, a recuperación da palabra; a imprescindible loita por devolverlle a súa dignidade, a denuncia da súa manipulación, a visibilización do seu saqueo. Se a palabra volve a ter entidade, se volver ser corpórea, sincera, precisa, honrada, exacta, o futuro tamén o será. Desde a palabra, insurrección.
Fran
Alonso
Escritor
En A Nosa Terra
Ningún comentario:
Publicar un comentario