4 de out. de 2011

Ensinádelles a falar

Creo que a profesión de mestre, de profesor, de ensinante é unha das que maior respecto me merece. E penso que é, tamén, unha das que implica unha maior carga de responsabilidade. Cónstame ademais que, en xeral, hai grandes profesionais no sector que lle dedican moitas horas de esforzo e ilusión a un traballo que con frecuencia non ten o recoñecemento social nin económico nin o prestixio nin o apoio institucional que merece.
E dentro do ensino en xeral, o da lingua en particular ten unha característica que o individualiza: impregna todo o currículo escolar, dende o comezo ata o final e na totalidade dos ciclos, mostra da importancia que as autoridades educativas lle outorgan á aprendizaxe dos coñecementos lingüísticos. Porque a linguaxe é esencial para abordar as demais disciplinas, porque as palabras son imprescindibles para comprender e manexar os conceptos, porque case sempre a nosa capacidade de raciocinio vai ligada ás habilidades lingüísticas que posuímos.
Eu non son ninguén para dar consello, pero se algún profesor de lingua, que é a miña especialidade, mo pedise, recomendaríalle con humildade que centrase os seus esforzos en ensinarlles a falar aos seus alumnos.
Lembro con agarimo os escasos mestres que me ensinaron a expresarme oralmente con corrección e claridade, a saber dirixirme aos demais. E non gardo especial recordo dunha neutra maioría obsesionada coas análises sintácticas e outros reberetes filolóxicos. O ensino da oralidade, explicitamente recoñecido na teoría dos deseños curriculares, segue sendo unha excepción en moitos centros de ensino onde con frecuencia a árbore da gramática non deixa ver o bosque da comunicación. Saber falar con corrección, tanto en público como en privado, é un coñecemento inmediatamente útil ao que calquera poderá tirarlle moito partido no futuro e no que o noso país resulta especialmente deficitario. Pola contra, saber que “andaría” é a primeira persoa do singular dun tempo verbal que en galego se chama pospretérito é un coñecemento, mal que nos pese aos filólogos, perfectamente prescindible.
 
Manuel
Núñez Singala
Escritor
En A Nosa Terra

Ningún comentario:

Publicar un comentario